A etiqueta 'Galicia Escoita' promocionará o Festival FAX, o Cultura Quente, o Festival Mar de Fondo (Noia), o Vibrasons, o Sonearte e o Reperkusión.
O proxecto está promovido, fundamentalmente por La Fábrica de Chocolate, promotora da meirande parte dos festivais da nova rede, e Heineken, cuxo asesor musical no Estado, Enrique Calabuig, desprazouse a Galiza para presentar a iniciativa e salientar que a rede servirá, entre outras cousas, para promocionar a música feita no Estado.
O Festival FAX (Ourense), o Cultura Quente (Caldas de Reis) o Festival Mar de Fondo (Noia), o Vibrasons (Pontevedra), o Sonearte (Viveiro) e o Reperkusión (Allariz) levan xa uns anos ofrecendo música no verán nas catro provincias do país, mais ás veces, malia a contar con cartaces moi atractivos e unha organización moi profesional, ficaban faltos dunha promoción axeitada que puidese mobilizar a público de toda Galiza e mesmo do resto da Península. Agora, a marca común Galicia Escoita intentará aumentar a visibilidade destes encontros.
O proxecto arrincará o 21 de xuño en Compostela, onde se celebrará por vez primeira en Galiza o Día da Música, cuxa programación aínda non se coñece, pero que levará a Madrid a Lagartija Nick con enrique Morente. Seguirán o Festival FAX de Ourense, (27 e 28 de xuño), o Festival Cultura Quente de Caldas (11 e 12 de xullo), o Festival Mar de Fondo de Noia (18 e 19 de xullo), o Vibrasons de Pontevedra (entre o 31 de xullo e o 2 de agosto), o Sonearte de Viveiro (9 e 10 de agosto) e o Reperkusión de Allariz (do 19 ao 21 de setembro).