Carlos Aymerich presentou unha pregunta no Parlamento pedindo explicacións a Medio Ambiente, Política Territorial, Pesca e Sanidade por estas irregularidades.
No porto da Coruña estanse a efectuar descargas de graneis sólidos que teñen lugar "a ceo aberto". Por isto, o BNG presentou o xoves no Parlamento unha pregunta ás consellarías de Medio Ambiente, Política Territorial, Pesca e Sanidade, a causa destas irregularidades.
O deputado nacionalista, Carlos Aymerich explicou que os veciños dos barrios de Oza, San Diego e Os Castros, "volven padecer" problemas por culpa das descargas de xofre, carbón, po de vidro, soia e outros cereais, que se fan a ceo aberto tras viaxar nuns camións que "non están tapados".
Aymerich criticou tamén que a rede de estacións de control de calidade do aire da Consellaría do Medio Ambiente "deberían ofrecer información a tempo real dos niveis de contaminación que non ofrecen", e que ademais tampouco se coñece a situación na que se atopa a denuncia formulada polos veciños e admitida a trámite pola Fiscalía hai dous anos.
Medidas reais
O BNG solicita a Política Territorial e Pesca que os representantes no Consello de Administración da Autoridade Portuaria coruñés "garantan o cumprimento íntegro da lexislación ambiental", e preguntou a Sanidade se se realizou algún estudo sobre as consecuencias que estas descargas poderían ter nos veciños da zona.
Con respecto a isto, Aymerich agarda que "desta vez se tomen medidas ao respecto", xa que noutras ocasións as iniciativas "non se levaron á práctica".