A parroquia da Hermida, en
Quiroga, ao pé do Courel, converterase este vindeiro sábado 3 de maio na capital galega do frikismo. O
festival Frikiroga'08, que tamén se pode ler como
Free Quiroga ofrecerá unha chea de espectáculos, dende circos de pulgas, campionatos de chave e proevolution soccer, até competicións de líado de cirgarros. E concertos, nos que destaca a actuación de
Ruxe Ruxe,
Ultraqüans,
Santa Compaña e
Nunca Se Sabe & Kain233. E Cañita Brava, que nunha das súas escasas actuacións en Galiza, farao acompañado por Antón, dos Papaqueixos, e Xico e Cristina de Sonoro Machine.
Pero cómpre comezar polo inicio da historia. O festival é unha iniciativa dun grupo de rapaces de Quiroga para obter uns cartos que sirvan para rehabilitar a vella escola de Soldón, construída no espazo comunal da aldea e con achegas e man de obra dos veciños e veciñas en 1939. Funcionou alí até 1974, cando abriu a "Escola Fogar" en Quiroga; e agora o edificio atópase en ruínas. O concello ofreceuse a arranxar a escola sempre que os veciños lle cedesen a propiedade. Pero os veciños non queren que lles suceda como con tantos montes comunais, que pasaron a outras mans por non poder ser atendidos. Os cartos que se obteñan co festival poderían servir para arranxar o vello edificio e convertelo nun centro de uso comunitario.
O lugar está revolucionado pola iniciativa, principalmente pola visita de Cañita Brava, que logrou que os vellos da comarca se implicasen no festival. Esta "catarse colectiva", este "híbrido entre a tradicionalísima play station e a modernísima chave" terá lugar durante todo o día no campo da festa da parroquia, situada a dous quilómetros de Quiroga. Xa dende a mañá soarán as gaitas e as charangas, despois chegarán os xogos e competicións, e a partir das oito os concertos. A entrada é de balde e haberá un bono-axuda opcional.