Os dous novos filmes da produtora galega Continental farán a súa presentación oficial no noso país.
Trátase de dous filmes ben diferentes, cuxa estrea vaise producir cunha semana de diferenza. O xoves 15 de maio A Coruña acollerá a presentación de A crise carnívora, un filme que se estreará en todo o Estado o día seguinte. É a primeira longametraxe realizada integramente en animación flash. Cun humor irreverente e dirixido non ao público infantil, senón a unha audiencia xuvenil e adulta, A crise carnívora conta a historia dunha hiena que visita o cemiterio na procura de cadáveres para poder comer carne; porén, cando chega alí, descobre que non hai corpo ningún, pois outros tiveran a súa mesma idea.
O filme está producido por Continental e foi realizado polos creadores de Cálico Electrónico, a serie de animación en Internet de máis éxito, vista por máis de 50 millóns de persoas. Conta con Joaquín Reyes (Muchachada Nui), Oskar Terol (Vaya Semanita), Enrique San Francisco ou Pablo Carbonell para a súa dobraxe en castelán. Peron na súa versión galega, as voces serán da mesma categoría: Manquiña, Antonio Durán Morris, Os Tonechos, Xosé Manuel Piñeiro, Xurxo Souto e o grupo de Corre Carmela que chove, que se atreve a poñerlle a voz de Fraga a un oso panda moi estupendo.