Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ACTO DE ENTREGA EN FERROL

Xavier Lama gaña o recuperado Premio Esquío de Poesía

O autor compostelán recibirá 10.000 euros por Melancolía líquida da idade das vacas, mentres que o accésit foi para Xosé Luís Mosquera, de Guísamo, por Amebas.

Redacción - 10:15 19/04/2008
Xavier Lama

Xavier Lama

O compostelán Xavier Lama López foi o gañador do Premio Esquío de Poesía na nosa lingua por Melancolía líquida da idade das vacas, mentres que o galardoado na categoría en castelán foi o madrileño Miguel García Posada, que presentou El lamento de las praderas. Os accésits foron para Xosé Luís Mosquera, de Guísamo, por Amebas, en galego, e para Eugenio Maqueda Cuenca, de Xaén, por La mirada secuestrada.

O primeiro premio está dotado con 10.000 euros para as dúas modalidades lingüísticas, mentres que os accésits recibirán 2.500 euros cada un.

O Premio Esquío de Poesía entegouse este venres ás oito da tarde en Ferrol, despois dun ano de ausencia. A Fundación Caixa Galicia retiroulle en 2007 o financiamento, polo que o certame non puido celebrarse a pasada edición. Nesta ocasión o Concello de Ferrol encargouse en exclusiva do patrocinio do premio, o que permitiu o seu regreso. Nesta edición presentáronse 59 orixinais.

O acto estivo presidido por Iolanda Díaz, concelleira de Cultura de Ferrol, o tamén concelleiro Ramón Veloso, a delegada provincial da Consellería de Cultura, Milagros Lantes e a presidenta da Sociedad de Cultura Valle-Inclán, Silvia Nieto. O xurado na categoría de galego estivo formado nesta ocasión por Xulio Valcárcel, Vicente Araguas, Luz Pichel e Marica Campo.

O Esquío naceu en 1981, da man da Sociedad de Cultura Valle-Inclán, e nas súas case tres décadas de historia premiou a algúns dos máis importantes autores da poesía galega contemporánea, como Marilar Aleixandre, Cesáreo Sánchez, Anxo Angueira, Ramiro Fonte, Miguel Anxo Fernán Vello ou Pilar Pallarés.

Gañadores nos últimos anos

2006: Casa pechada, Luz Pichel. Accésit: Tigres como Fausto con ollos de brumas, Xavier Lama
2005: Ollos de ámbar, Martín Veiga. Accésit: Sete vagas, Rafael Lema
2004: Días no imperio, Daniel Salgado. Accésit: O que ardeu nos espellos, Carlos Penela
2003: Desilencios, Maite Dono. Accésit: A última bengala, Óliver Escobar
2002: Fálame, Antón Lopo
2001: Lámpada e medusa, Manuel Forcadela. Accésit: (nós, as inadaptadas), María do Cebreiro


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: