"Ningunha das miñas palabras podería describir a dor e o dano producido por este abuso", dixo. Este venres pronunciará un discurso na asemblea da ONU.
O Papa celebrou unha misa multitudinaria en Washington, esta quinta feira
O máximo representante da igrexa católica, o papa Joseph Ratzinger (coñecido oficialmente como Bieito XVI), reuniuse esta quinta feira -por vez primeira e por sorpresa- cun grupo de vítimas de abusos sexuais de sacerdotes pederastas estadounidenses, que lle relataron individualmente o drama que viviron.
"Ningunha das miñas palabras podería describir a dor e o dano producido por este abuso", sinalou Ratzinger, que lle pediu á comunidade católica que amosase a súa proximidade a estas vítimas.
O Vaticano informou nunha nota que tras escoitalos "dedicoulles palabras de alento e de esperanza", á vez que lles prometeu oracións "polas súas familias e por todas as vítimas de abusos sexuais".
O encontro non estaba incluído no programa da súa viaxe a Estados Unidos, que emprendeu o pasado martes e que rematará este domingo, mais era unha cita coa que os medios do país xa especularan. Antes, este venres, participará na asemblea das Nacións Unidas onde pronunciará un discurso.