O texto de Mercedes Folgueira, de Castro de Rei, foi elixido polo xurado como gañador do certame, o que lle valerá unha viaxe a Venecia.
Pedíase un relato curto, e con carga de erotismo. E sen dúbida Mírote cumpre as condicións: 25 palabras que valen unha viaxe a Venecia para dúas persoas. O xurado, formado por Xosé Antonio Perozo, Francisco Macías e Diego Ameixeiras, e no que Lois Rodríguez actuou como secretario, escolleu o gañador despois dunha longa preselección que reduciu os 290 relatos presentados a algo máis de vinte, e dun intenso debate do que peneira tras peneira Mírote resultou vencedor. Comprobado o lema do autor do relato (Merce_ditas), a gañadora é Mercedes Folgueira, de Castro de Rei (Lugo).
Pero había un segundo premio, destinado a premiar a participación dos lectores de Vieiros: o sorteo dunha estadía dunha fin de semana para dúas persoas nunha casa rural, no que entraron todas as persoas que enviaron algún relato (unhas duascentas) e todos os usuarios de Vieiros que votaron os textos. O gañador foi Susanamoo, que casualmente enviara non só un relato, senón tres: A papuxa da caluga, Lambe! e Medra, medra... Xaquelogo, se non se pode ir a Venecia, ben vale unha fin de semana nunha casa rural próxima á parroquia de Sexo, en Agolada.
O concurso organizado por Vieiros e a Secretaría Xeral de Política Lingüística resultou un completo éxito de participación, que esperamos que servise para algún dos seus propósitos: remoer a rede por dentro, e axudar a normalizar o noso idioma nun ámbito, seguramente un dos máis privados, nos que de certo estanse a perder palabras ben fermosas e ben nosas.
Velaquí o gañador: Mírote
Nun vaivén de suor núa, alzo a mirada para te ollar mellor.
Quéresme? Disme docemente.
Eu arqueo as cellas...
...nunca souben falar coa boca chea.