Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DO 31 DE MARZO AO 3 DE ABRIL

Vinte editoriais amosarán a nosa literatura infantil en Boloña

Arxentina será o país convidado na feira máis importante de Europa das dedicadas aos libros dirixidos a pícaros e mozos.

Redacción - 10:21 25/03/2008

Boloña convértese cada ano na capital mundial da literatura infantil e xuvenil. O pasado ano, por exemplo, reuniu a 1300 profesionais procedentes de 66 países en case 20.000 metros cadrados de exposición. En 2008, 45ª edición da feira, a creación galega estará presente cun stand compartido pola Asociación Galega de Editores e a Consellería de Cultura. Este espazo acollerá a case vinte editoriais: A Nosa Terra, Everest Galicia, Tambre-Luís Vives, Sotelo Blanco, Galaxia, OQO, Nova Galicia, Kalandraka, Faktoría K, Xerais, Primera Persona, Rodeira-Edebé, Baía, Obradoiro-Santillana, Ir Indo, Biblos, Embora, Toxosoutos e Positivas.

Pola súa banda, Kalandraka, Nova Galicia e OQO contarán ademais cun posto propio. A Boloña viaxarán tamén os escritores Xabier P. Docampo e Ánxela Gracián, en representación de Gálix, a canda a María Reimóndez, e os ilustradores Manel Cráneo e Pinturero, como integrantes da AGPI e mais Xosé Cobas.

Premio para OQO

A editorial OQO recibirá a mención de honra da Feira para as obras mellor editadas de 2007 pola publicación do Gran libro dos retratos de animais, de Svjetlan Junakovic, editado na colección Sementes de arte e dispoñíbel en cinco linguas.

Mentres, a delegación da Consellería de Cultura estará presente na entrega dos premios Andersen que concede bianualmente á escrita e ilustración o IBBY e levará adiante os contactos precisos para que se poida ver en Boloña en 2009 unha mostra sobre creación para cativos e rapaces centrada no álbum ilustrado. Durante a feira presentarase tamén un número especial da revista GalicianBooks que, coordinado por Xosé Antón Neira Cruz, contén unha ampla panorámica da escrita contemporánea galega pensada para público infantil e xuvenil.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: