Os 'populares' aseguran que estes centros non contan con consello escolar, ignorando un dos "principios fundamentais" da LOE.
"A participación dos pais podería reducir a súa carga ideolóxica"
O PPdeG, por medio da súa voceira de Educación, Manuela López Besteiro, denunciou que os centros da Rede de Escolas Infantís, as galescolas, non contan con consello escolar, "malia que a Lei Orgánica de Educación (LOE) obriga a iso". Ao seu xuízo, este feito débese ao "afán ideoloxizador" da Vicepresidencia do Goberno.
López Besteiro insistiu en que a Xunta "ignora" un dos "principios fundamentais" da LOE ao lles "negar" aos pais o seu dereito a tomar parte en decisións como "a aprobación do proxecto pedagóxico", "a admisión de alumnos" e "a selección do director".
Neste senso, a popular sinalou que a participación dos pais nas resolucións dos centros "podería reducir a carga ideolóxica" e "contribuír a neutralizar os obxectivos políticos para os que foron deseñados".