A Fonsagrada afronta a recta final para a televisión analóxica, que desaparecerá no concello o 5 de abril para dar paso exclusivamente á TDT. Entre o luns e o martes comézanse a repartir de balde descodificadores de TDT por parte do Concello e Protección Civil. En total repartiranse 2.000 aparellos financiados pola Xunta.
Segundo informou o alcalde, Argelio Fernández, xa están a emitir en dixital os dous principais reemisores do municipio, ademais doutros cinco máis pequenos, para acadar a cobertura mínima do 98 por cento. Tamén asegurou que os veciños están "moi ilusionados" pola nova tecnoloxía, dado que a vila "sempre se caracterizou por ter unha mala cobertura do sinal de televisión".
Agora, os veciños da Fonsagrada poden acceder a 25 canles de televisión e 11 de radio, ademais de servizos interactivos.
O concello da montaña luguesa será o primeiro do Estado Español en dicirlle adeus á televisión analóxica grazas a un proxecto piloto.
Porén, no servizo web onde se indican as zonas onde se pode recibir a televisión dixital,
tdt.es, A Fonsagrada segue a figurar "sen cobertura".