Recibíronse máis de 290 relatos, de case douscentos autores distintos, que agora competirán pola viaxe a Venecia.
A partir deste martes o xurado, formado por Francisco Macías (director de Edicións Positivas e responsábel do certame de novela erótica Narrativas Quentes), os escritores Diego Ameixeiras e Xosé Antonio Perozo, e Lois Rodríguez (editor de Vieiros), que actuará de secretario, con voz pero sen voto, comezará a estudar os case trescentos relatos recibidos, para escoller o gañador. Debido á cantidade de relatos recibidos, a decisión final anunciarase na semana posterior á Semana Santa.
O voto dos lectores, que non é determinante pero que será tido en conta, deixou nas primeiras posicións os relatos de Torreira (Ti, Eu ou Nós), Ole (Deus dá pan -Eu dou caña- ou Diosmeperdone -pero me pone-), Evinchi (Famenta), Susanamoo (A papuxa na caluga ou Lambe!), Olivetti (O baño de Roi ou Teoría do coñecemento), Hillary (Xa), Vilanova (A cuarta dimensión), Susana (As marisqueiras), Ollomol (Gracias, amor ou A modiño), Eunonsonpessoa (Teso, Os deputados ou Pechas os ollos) Vilanova (Pranto polas mulleres caídas), Xoanpoe (As dúas formigas ou Libres domingos e domingas), Begi (Orografía ou Merenda), Saladina (Roi na lúa), Xangarandaina (Rachapel).
O número e calidade dos textos recibidos converteron o certame de microrrelatos organizado por Vieiros e a Secretaría Xeral de Política Lingüística en todo un éxito. Conseguiuse pois o obxectivo de incitar aos lectores a interesarse por un xénero difícil, como a literatura erótica, e que na lingua galega aínda non desenvolveu todo o seu potencial.