O Auditorio de Galicia, en Compostela, acollerá entre o 6 de marzo e o 8 de xuño unha mostra antolóxica cos mellores traballos e autores das últimas décadas.
A mostra ábrese en 1973, cando o Grupo Castro, co apoio da Asociación Cultural O Galo, presentou a Exposición do Cómic Galego, con obras de Patiño, de Xaquín Marín, de Pepe Barro, de Xosé Díaz e de Chichi Campos. En total, son máis de 400 orixinais, que repasan máis de tres décadas de historia da banda deseñada do país. A exposición divídese en catro períodos: os pioneiros, o underground, a industria e o presente.
O primeiro bloque recolle os primeiros cómics galegos, como O home que falaba vegliota de Raimundo Patiño, Ratas de Xaquín Marín, ou 2 Viaxes, que fan os dous en conxunto. Tamén destes anos setenta son revistas como A cova das Choias, ou Xofre, de Miguelanxo Prado. Nos anos oitenta, a época underground, Galiza énchese de fanzines: en Santiago Valiundiez e Das Capital, creadas por Fausto Isorna; en Vigo a revista de humor Can sen Dono, impulsada por Pepe Carreiro; e en Ourense Fronte Comixario, editada polo Colectivo Pestiño. Os noventa é a época na que a industria comeza a fixarse no potencial do cómic e na calidade dos debuxantes galegos. Actualmente, as revistas Barsowia e BD Banda son as que están axudando aos debuxantes máis novos, sen esquecer a importancia dos salóns do cómic da Coruña, Cangas, Ourense ou Pontevedra.
Xunto á esta exposición, haberá outras actividades, como obradoiros, visitas guiadas, e unha sesión de debuxos ao vivo, que realizarán Jacobo Fernández e Fran Bueno. Ademais, unha serie de clases maxistrais permitirán a 15 alumnos asistir a sesións conducidas por Miguelanxo Prado (28 de marzo), Carlos Portela (4 de abril), Carlos Giménez (11 de abril) e Antonio Vázquez (18 de abril). O curso ten un prezo de 100 euros e poderá inscribirse calquera debuxante ou guionista galego, sen límite de idade.