Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Críticas ao "contrato" anunciado por Rajoy

A proposta do PP sobre inmigración: "Inconstitucional" e "xenófoba"

Diversos colectivos e sindicatos censuran a estratexia do PP de "xerar desconfianza" cara aos inmigrantes ás portas das eleccións xerais.

Redacción - 13:00 09/02/2008

"É unha proposta que parte dunha falta de respecto cara á inmigración, porque xurde da idea da sospeita, suxerindo desde o principio que presuntamente os inmigrantes non aceptan as leis e de que son necesarios compromisos e mecanismos adicionais", láiase Mónica Alzate, membro da Casa Latinoamericana en Galicia e voceira do Foro Galego de Inmigración. Mónica Alzate explicou para Vieiros que se trata dunha iniciativa que "parte da desconfianza e dunha apreciación inicial negativa cara as persoas inmigrantes" e advirte que o alento dese tipo de actitudes con facilidade pode "acentuar na xenofobia".

Reproche á concepción "utilitarista" sobre a inmigración
De xeito máis belixerante aínda se expresan desde o sindicato UXT-Galicia, que considera que o PP está promovendo un concepto de integración "baseado na submisión e a desigualdade" que son "primeiro xerme do racismo" e fronte ao cal a sociedade debe reaccionar. Xosé Domingo Barros, secretario de Formación e Emprego do sindicato, considera que as administracións e os partidos deben tratar de contribuír á convivencia "de maneira positiva e non dar pasos atrás utilizando de novo a inmigración para poñer en cartel propostas populistas e xenófobas que a equiparan coa delincuencia".

No mesmo sentido, Mónica Alzate sinala que o PP está erosionando "oportunidades para a convivencia" poñendo en primeiro plano unha proposta que politicamente "só lle vai servir para captar os votos dos sectores máis extremos da dereita". "Tratan de relacionar a inseguridade en certas zonas coa presencia da inmigración", critica Alzate, denunciando que se estimule a desconfianza no canto de a integración. Ao fío, desde a UXT reprochan esa "presunción de culpabilidade" promovida por Mariano Rajoy. "Volven á idea utilitarista da inmigración que predominaba fai anos: que veñan, que traballen no que nos sexa útil, que coticen á Seguridade Social, pero que non se consideren parte da sociedade que contribúan a construír, que se volvan os seus países", analizan desde o sindicato ao respecto da iniciativa do PP.

Traballo e integración
De igual xeito, Melchor Roel, secretario de Inmigración do sindicato CCOO-Galicia, cualifica de "despropósito" a posición coa que o PP chega en materia de inmigración aos comicios de marzo. "Non só non achegaría nada á necesaria integración, senón que a fórmula xurídica para esta ocorrencia rozaría a inconstitucionalidade", indica.

Roel, insiste en que cando se dan problemas de integración, as máis das veces é unha consecuencia da situación laboral, "como por exemplo a segregación profesional á que están sometidos os traballadores inmigrantes, que son maioría nas ocupacións pouco produtivas e mal remuneradas que ademais sofren unha importantísima falta de dereitos laborais". A mesma idea sosteñen desde a UXT, salientando que o traballo "digno e de calidade" é o principal factor de integración para os inmigrantes, "xunto coa posibilidade de reagrupar os seus familiares".

Consideran desde CCOO-Galicia que situar os problemas de integración exclusivamente en clave cultural é "un grave erro". "Máis que nos preocuparmos por se lles teñen ou non que gustar os toros, deberiamos asegurar a súa integración na sociedade a través do emprego digno. Para todo o demais xa están as leis e a Constitución". Xa que logo, chaman a tratar con seriedade o fenómeno da inmigración e no canto de falar de "valores, costumes e tradicións" falar máis de "propostas rigorosas que atendan á situación socioeconómica".


4,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: