O martes 5 Xosé Miranda e Diego Ameixeiras tiveron ocasión de dar a coñecer a súa obra aos seareiros do xénero negro e criminal, que en Barcelona son lexión.
Falar de novelas negras e criminais é facelo, por forza, desoutra realidade social que frecuentemente fica agochada. E Xosé Miranda e Diego Ameixeiras non se limitaron a cadansúa narrativa. Diagnosticaron algúns dos males do país -algúns deles comúns co resto de España- e expresaron a necesidade de que os escritores tomen compromiso para denuncialos coa arma da literatura.
Así, para Miranda sucesos como o afondamento do
Prestige teñen que seren abordados con certo acougo para non caer no inmediatismo, que provoca que a novela deixe de ser vixente cando rematou o período de reacción. Do mesmo xeito animaba aos seus colegas a pescudar en manifestacións que aproveitan a paixón para facer negocios, como sería o vencello entre construtores e clubes de fútbol. Alén, cómpre un exercicio de hixiene nunha etapa de crise de valores e de dúbidas sociais, engadiu o escritor lugués.
Diego Ameixeiras falou do seu detective Horacio Dopico. Reivindicou a parodia e mais a esaxeración para poder analizar temas de moita gravidade como sería a violencia política, empregada ás veces con outras fins igualmente espurias. Unha parodia que fai que o seu detective, malia a aparencia dun personaxe excesivo e de volta de todo, sexa a única persoa lúcida nun contorno que toleou ou que aproveita as identidades para tirar proveito.
O público asistente foi tolerante e cómplice para o emprego da lingua galega nas exposicións e no animado debate que as seguiu.
Xosé Miranda e Diego Ameixeiras tamén "ficharon" no clube de autores que visitaron a libraría
Negra y Criminal, situada na Barceloneta (o barrio mariñeiro de Barcelona) e que dirixe Paco Camarasa, coordinador de BCNegra. E resultado destas fichaxes a libraría vai incorporar unha sección de narrativa negra e criminal en galego, en colaboración coas editoriais de Galicia. Se cadra inaugurar esta nova sección, os lectores de
Vieiros terán puntual información.