O bilingüismo "en liberdade" do presidente do PPdeG admitiría a metade de materias en galego, malia que pediu esperar.
Sorprendeu este xoves o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, ao emprazar a súa reflexión completa sobre a polémica lingüística para máis adiante, chamando a "esperar a que o programa electoral estea impreso". Xa que logo, dixo Feijoo que non coñece aínda "con exactitude" a proposta de Mariano Rajoy, malia que supostamente el mesmo formou parte do equipo que durante varias semanas elaborou o programa do PP para as próximas eleccións xerais.
Con todo, insistiu Feijoo en negar que Rajoy "queira prohibir" o galego, indicando que o líder do PP "só fala de cumprir a Constitución". "Non temos por que importar o modelo vasco ou catalán, xa que en Galiza hai vida propia e xa había un modelo", teimou Feijoo, criticando o decreto sobre o galego no ensino que en principio o PPdeG aceptara e que máis tarde rexeitou. Paradoxalmente, na súa opinión foi o PSdeG "o responsábel do maior retroceso no consenso lingüístico conseguido entre todos".