Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ALMORZO DE EUROPA PRESS

Touriño reivindica a autonomía dos socialistas galegos fronte a Madrid

O presidente da Xunta amosouse "relativamente" satisfeito coa relación entre os dous partidos no Goberno.

Redacción - 18:02 16/01/2008
Emilio Pérez Touriño

Emilio Pérez Touriño

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, reivindicou a autonomía "plena" dos socialistas galegos con respecto ao PSOE e amosouse "relativamente satisfeito" co entendemento que está a haber no Goberno co BNG, que cualificou como nacionalista "moderado".

Nun almorzo informativo ao que foi convidado pola axencia Europa Press, Touriño amosou o seu orgullo polo "peso" e a "achega activa" do PSdeG dentro do socialismo estatal, e contestou as críticas de falta de independencia que lle dirixiu o BNG afirmando que "o carné de galeguismo repárteno os cidadáns".

O xefe do Goberno asegurou que, cando o nacionalismo "loitaba contra o Estatuto de Autonomía", os socialistas contribuíron "decisivamente" á súa aprobación en 1981. Ademais, salientou o feito de que "a inmensa maioría dos galegos" se sintan asemade españois.

Porén, Touriño negou que o BNG estea a practicar un "nacionalismo radical", senón que se trata dunha forza moderada. "O nacionalismo galego non é equiparábel a outros nacionalismos, responde a outro país e a outras circunstancias", dixo. Tamén se amosou "relativamente satisfeito" co seu socio de goberno: "Estamos na boa dirección e os bos resultados".

O presidente da Xunta fixo tamén referencia ás declaracións do secretario de Organización do PSOE, Xosé Blanco, nas que afirmou que a reforma dos estatutos ía "pechar" o mapa autonómico. Segundo Pérez Touriño, non hai risco de que Galiza "perda o tren" da revisión estatutaria, aínda que non quixo dar prazos para a reforma. "Non vai marcar a axenda política", engadiu, e descartou que se proceda a unha revisión "para levala a unha rúa sen saída".

Touriño confiou nun "cambio de actitude do PP" despois do 9 de marzo, e incidiu en que será preciso "un cambio substancial" na súa postura para que "o galeguismo teña suficiente calado tamén na dereita" e que así se produza un achegamento entre as tres forzas.


2/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: