Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
COLEXIOS DE FARMACÉUTICOS

As boticas asinan un acordo con R para implantar a receita electrónica

O procedemento acabará coa incomodidade e inseguridade das prescricións en papel antes do remate de 2008.

Redacción - 14:00 26/12/2007

As 1.226 farmacias do país poderán empregar antes do remate de 2008 a receita electrónica. Isto será posíbel grazas a un acordo asinado entre os catro colexios provinciais de Farmacéuticos e o operador de comunicacións por fibra óptica R. O sistema fará que desapareza a tradicional receita en papel para a dispensación de medicamentos.

Os pacientes que acudan a unha consulta tan só terán que lle deixar ao médico a súa tarxeta sanitaria para que lles rexistre os seus datos e os medicamentos receitados nun sistema informático. As farmacias, dotadas de banda larga e interconectadas mediante unha rede colexial de telecomunicacións, poderán acceder á información de xeito seguro e inviolábel cando o usuario acuda a mercar a menciña.

As vantaxes do sistema de receita electrónica son evitar a falsificación ou manipulación dos datos da receita, controlar mellor a subministración de medicamentos xenéricos e evitar os apuros ocasionais de ter que descifrar a escritura do facultativo. O acordo entre R e os Colexios de Farmacéuticos ten unha vixencia de 3 anos e un orzamento de 4 millóns de euros. O operador dispón dun centro de datos de última xeración onde se aloxarán as aplicacións do sistema conectado ao Servizo Galego de Saúde, e habilitará un servizo de atención para resolver as posíbeis continxencias.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: