Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Críticas á mensaxe de Nadal de El-Rei

Queixas de "bipartidismo" e "electoralismo" coa peneira da Zarzuela

"Ten certo aire electoral", laiouse Gaspar Llamazares, líder de Izquierda Unida. Os consensos "constrúense" máis aló de PP e PSOE, recordou Francisco Jorquera, coordenador executivo do BNG.

Redacción - 09:00 26/12/2007

Falou El-Rei Juan Carlos de "unidade e diversidade" coma conceptos vertebradores de democracia que lle permiten progresar ao Estado como "gran nación". Un discurso que poden consultar polo miúdo na web CasaReal.es e que foi desigualmente analizado desde as formacións políticas.

Se ben nas súas valoracións iniciais, PSOE e PP destacaron a chamada á unidade contra o terrorismo da ETA, posteriormente, cada unha destas forzas políticas afondaron nas súas respectivas posicións estratéxicas, atribuíndolle ao contrario os atrancos a ese consenso.

O "consenso" real debe sumar máis de dous partidos
Aínda valorando positivamente a apelación á unidade respecto dos "grandes temas do Estado, o coordenador da Executiva do BNG, Francisco Jorquera, analizou ao fío da mensaxe institucional do monarca que o "consenso" e a "superación da crispación" presente no ámbito político estatal "non virá por un acordo entre o PP e o PSOE", senón que debe ser "construído coa participación do arco parlamentario".

Ao respecto das referencias ao ámbito constitucional, Jorquera chamou tamén a realizar unha interpretación "aberta e flexíbel" da Constitución, "que permita avanzar na reforma do modelo do Estado". Foi nesa liña que insistiu na importancia de que o BNG estea presente "con forza" nas próximas Cortes do Estado para que "Galiza poida decidir sobre os posíbeis cambios políticos e de ordenamento xurídico".

Por outra parte, o coordenador xeral de Izquierda Unida, Gaspar Llamazares, cualificou o discurso de "triunfalista" e queixouse de que tivese "certo aire electoral". Comentou tamén que na súa opinión "evita o realismo da precariedade laboral, da inxustiza social ou da ameaza do cambio climático". "E porén valoramos a chamada ça unidade e ao consenso fronte ao terrorismo", explicou Llamazares. Mentres, o voceiro de ERC no Parlament, e candidato ao Congreso para as próximas eleccións xerais, Joan Ridao, queixouse de que non houbese no discurso ningunha mención ás "tensións territoriais" no Estado español.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: