Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MESA REDONDA NO CONSELLO DA CULTURA

Remata o ano de María Mariño

O debate centrouse na utilidade da homenaxe para ampliar o coñecemento sobre a poeta, a dinamitadora da fala

Redacción - 19:38 12/12/2007

Cando hai algo máis dun ano decidiuse que o 2007 estaría dedicado a homenaxear a obra de María Mariño, a autora que naceu en Noia e viviu no Courel era descoñecida polo público e aspectos esenciais da súa figura e da súa obra espertaban dúbidas e debates entre os estudosos. Estamos pechando 2007, e o Consello da Cultura Galega decidiu dedicar unha mesa redonda a analizar a obra de María Mariño e os froitos que deixou a celebración das Letras Galegas deste ano.

Rosario Álvarez moderou o debate, que contou coa participación dos invetigadores que máis teñen traballado sobre a poeta, como Helena González, Esperanza Mariño, Carmen Blanco e Pilar García Negro. A tarde pechouse cun recital poético, María Mariño na voz das poetas dos noventa, que contou coas intervencións de Lupe Gómez, Yolanda Castaño, María Lado e María do Cebreiro.

A idea predominante na mesa era que se ben o Día das Letras conseguira un certo recoñecemento e coñecemento de María Mariño, a difusión que se fixera da súa obra non fora máis aló do 17 de maio. Pilar García Negro chegou a afirmar que María Mariño morreu dúas veces, unha de leucemia en 1967 e outra o 18 de maio de 2007. É por isto que García Negro volveu reclamar que a celebración das Letras Galegas vaia máis aló dunha simple efeméride.

Con todo, Helena González salientou igualmente algunhas iniciativas novidosas, como a canción que se presentou ao concurso de Apologhit a partir de textos da poeta. Os expertos estiveron de acordo en que a poesía de María Mariño non é coñecida polo pobo, porque por definición non pode selo, polo seu carácter metafísico, por unha banda, e polo baixo nivel de lectura e de coñecemento sobre a cultura propia existentes en Galiza.

Mitos sobre María Mariño
Tamén se falou sobre algún dos mitos que rodearon sempre a María Mariño, da que se chegou a poñer en dúbida a súa propia existencia, e da que se dixo que fóra unha invención de Uxío Novoneyra. Esperanza Mariño cualificou de "penoso" o feito de que se manteñan esas dúbidas en 2007. No debate explorouse a relación de María Mariño e Novoneyra ("que a elevou, e que tamén foi a sombra que a tapou", en palabras de Carmen Blanco), que a puxo en contacto con Fole, Manuel María ou Méndez Ferrín, cos que mantivo un contacto frecuente no seu tempo.

Outro dos temas de debate centrouse ao redor da condición de María Mariño como escritora e muller. Dende que se instaurou a celebración das Letras en 1963, tan só tres autoras (Rosalía, Francisca Herrera e a propia María Mariño) foron homenaxeadas. As investigadoras criticaron a repetición de tópicos sobre as autoras, englobadas sempre baixo etiquetas de literatura de muller, por riba da súa individualidade. María Mariño foi e segue a ser vítima desas etiquetas, que gostan de salientar o seu carácter de autora sen formación, con poucas ambicións, escasas influencias e mínimas conexións coa escena cultural da súa época. Así e todo, tras un ano de estudos, mesmo estas conceptos son cuestionados por varios autores.

Por iso, entre outras cousas, o ano de María Mariño aínda non rematou. A este respecto, entre os traballos pendentes sobre a poeta, as investigadoras reclamaron a celebración dun congreso científico sobre a autora, así como a repetición de mesas redondas como a celebrada no Consello da Cultura, que serven para analizar o desenvolvemento e utilidade da celebración anual das Letras Galegas.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Helena González, Carmen Blanco, Rosario Álvarez, Esperanza Mariño e Pilar García Negro
Helena González, Carmen Blanco, Rosario Álvarez, Esperanza Mariño e Pilar García Negro
Henrique Monteagudo e María Xosé Agra presentaron o acto
Henrique Monteagudo e María Xosé Agra presentaron o acto