Ademais, o xoves e o venres os artistas manterán encontros con estudantes de primaria e secundaria e máis con universitarios
En Cantos na Maré a música escóitase e mírase. Entre o mércores e o sábado poderanse ver en Pontevedra tres documentais sobre a música da lusofonía; todas as proxeccións terán lugar na Casa das Campás, con entrada de balde. O mércores 12, ás catro e media, proxectarase Quintal do Semba (Angola), un repaso polo mellor da música angolana contemporánea; o filme terá un novo pase o xoves á mesma hora. Ás sete da tarde do mércores poderase ver Lusofonía, a (r)evolução (Brasil), que afonda na identidade musical lusófona e a súa integración en xéneros de música urbana actual. O documental poderase ver tamén o sábado en dous novos pases, ás 13 e 19 horas.
O venres, ás cinco e media da tarde, estrearase Só concertinas (Galiza), un traballo de Víctor Coyote sobre o popular acordeón diatónico do norte de Portugal, cun novo pase o sábado pola tarde.
Encontros cos músicos
Ademais, Cantos na Maré, que este ano ampliou o seu abano de actividades, organizará o xoves dous encontros, un con estudantes universitarios e outro con alumnos de colexios e institutos de Pontevedra, na que os mozoso poderán achegarse un pouco máis aos músicos que inteveñen no festival, e coñecelos persoalmente.
Ás dez e media da mañá os alumnos de primaria e secundaria poderán asistir no Pazo da Cultura ao ensaio xeral, e a seguir manterán un coloquio cos artistas. Xa pola tarde, o encontro será con universitarios, na Casa das Campás a partir das sete. Alí proxectarase o documental Só Concertinas, presentado polo seu director, Víctor Coyote, e ademais Ceumar (Brasil) e Manecas Costa (Guinea Bissau) realizarán unha actuación unplugged.
Finalmente, o venres a partir das sete da tarde, de novo no Pazo da Cultura, os artistas manterán un coloquio cos alumnos da Aula Folque Infantil, que tamén asistirán ao derradeiro ensaio xeral.