O crecemento no uso da rede deuse en todas as comunidades, o que deixa Galiza no mesmo penúltimo posto.
Xa saíu o Estudo Xeral de Medios (EGM) publicado pola Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC). A última edición, correspondente aos meses de outubro e novembro de 2007, inclúe un apartado específico sobre internet. Os datos amosan que cada vez son máis as persoas que se conectan á rede e que o fan máis asiduamente.
Porén, Galiza segue á cola do Estado no uso da internet. Aínda que aumentou progresivamente nas últimas enquisas, só chega ao 33%. Só ten por debaixo, a bastante distancia, iso si, Extremadura, cun 24,4%. A media estatal foi do 41,6% no último mes e o 26,9% nas últimas 24 horas, e o crecemento deuse en todas as comunidades.
Os mesmos datos referidos ao Estado Español amosan que os usuarios de internet son cada vez máis asiduos no seu acceso á rede. Entre outubro e novembro, o 64,6% fixérono nas últimas 24 horas, o 26,6 na última semana e o 8,8 no último mes. Hai un ano, só o 61,5% dos enquisados empregaran a rede no día anterior.
A enquisa amosa que as mulleres xa supoñen o 42,9% das persoas que fan uso da internet, e a proporción segue a medrar. Se se analiza o uso por clases sociais, nótase que o uso da rede vaise democratizando cada vez máis. Nos últimos dous meses, un 20% dos usuarios foi de clase media-baixa ou baixa, cando hai un ano era o 17%. O fogar segue a gañar postos como principal lugar de acceso, e chega xa ao 78,2%.
O principal uso da rede segue a ser a web, co 96,1% dos usuarios no último mes e o 91% nas últimas 24 horas. Séguelle moi de preto o correo electrónico e a máis distancia, sobre o 40%, a mensaxaría instantánea. A continuación sitúase, en progresión ascendente, o intercambio de arquivos (P2P).