Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
VIEIROS ECONOMÍA

Populismo Popular

Xosé Anxo Grandío López analiza nun artigo de opinión a última proposta fiscal do PP.

X.A. Grandío López - 11:37 30/11/2007

A demagoxia ou a aparente toma de decisións e medidas “populares” ante a poboación xeral, é o que se coñece en termos político-económicos como populismo. Na práctica actual, o populismo tamén pode ser considerado como un insulto a intelixencia das persoas.

Baseándonos nesta última definición, e preciso comenzarmos a falar do cada vez máis importante papel da economía na política actual. Concretando e falando a curto prazo, podemos afirmar que as propostas e toma de decisións no eido económico van ser o alicerce que lle dará o empurrón decisivo ao que será elixido como presidente do goberno do Estado Español nas próximas eleccións xerais do 9 de marzo de 2008.

Falemos agora, da última estrela mediática, a dúas veces popular proposta de Mariano Rajoy que promete eximir do pago do IRPF a todas aquelas persoas que teñen uns ingresos anuais inferiores a 16000 euros, e ademais, e non menos importante, segundo o propio Angel Acebes, o recorte fiscal non se limitará exclusivamente a este nivel de renda, senón que se aplicara de forma xeralizada a todos os ingresos.


Implicacións económicas e sociais da reforma

En termos económicos e sociais, esta reforma terá dúas implicacións fundamentais, que non foron explicadas polos promotores da promesa electoral e que aquí imos tentar explicar.

Por un lado, imos supoñer, que esta reforma será aillada en canto ao resto dos impostos se refire, é dicir mantendo o resto dos impostos invariábeis e tendo en conta que o recorte será aplicado a todos os niveis de renda do IRPF, a facenda pública sufrirá unha importante baixada dos seus ingresos que non será compensada por outras vías.

A cuestión é sinxela, a perda tanto cuantitativa como cualitativa dos bens e servizos prestados polo estado do benestar (Inversión en infraestruturas, educación, sanidade etc.) debido aos menores recursos que manexa este, non se verá compensada polo incremento da renda que lles suporá a exención fiscal as persoas con ingresos mais baixos. Esta suba dos ingresos, non lle será suficiente a estas familias para acceder aos mesmos bens e servizos a través do sector privado da economía que antes eran provistos polo sector público, coa consecuente perda de benestar e calidade de vida para esta parte da sociedade.

Por outra banda, e como solución máis probable, esta reforma do IRPF conlevará unha subida encuberta dos impostos. É dicir, namentres prometen esta reforma do Imposto da Renda que a simple vista parece “beneficiosa” para as persoas con salarios mais baixos e, ao mesmo tempo anuncian unha subida pensións mínimas e outros beneficios sociais, é evidente, que se vai producir unha descorrelacion entre os ingresos e os gastos do estado.

Esta descorrelación financeira será sufragada a través dun considerábel aumento dos impostos indirectos, que se caracterizan por ser menos visíbeis aos ollos da sociedade, ademais de non seren equitativos, xa que a cantidade de gravame aplicada é independente a renda dos consumidores.

Polo tanto, a reforma fiscal pretendida polo Partido Popular, baixo unha capa aparentemente progresista, que ademais aínda non foi debidamente cuantificada, suporá debilitar a fiscalidade como un elemento fundamental para a redistribución da riqueza.


5/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: