Esvaen as incertezas sobre a futura vía ferroviaria co compromiso aprobado pola Unión Europea de investir 244 millóns de euros na liña da eurorrexión.
A Unión Europea acaba de facer unha importante inxección económica que contribuiría a afrouxar os problemas orzamentarios que desde o goberno portugués se argumentaban como posíbel atranco para o despregue da liña de alta velocidade Galiza-Norte de Portugal. Neste escenario, o ano 2013 aparece outra vez como probábel data para a finalización desta obra.
A proposta de financiamento que achegaba a Unión Europea foi aprobada este xoves, garantindo que a UE vai poñer 244 millóns de euros para esta infraestrutura entre Vigo e Porto. O vicepresidente da Eurocomisión e responsábel de Transportes, Jacques Barrot, expresou a súa satisfacción polo plan financeiro presentado e salientou a vontade de apoiar iniciativas transfronteirizas clave. Con todo, alén do proxecto galego-portugués, outro proxecto a nivel estatal, a liña Madrid-Lisboa, recibiu a maior achega económica, un total de 363 millóns de euros.