Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A prensa cubana publica a nova

Fidel falará galego en decembro

Fidel Castro. A miña vida. Conversas con Ignacio Ramonet (Edicións Xerais) estará nas librarías a finais de ano e presentarase en febreiro na Feira do Libro da Habana.

Redacción - 12:25 26/11/2007

A relación de Fidel Castro con Galicia é ben coñecida. O seu pai, Ángel Bautista Castro, naceu en Láncara, e despois de ser enviado á Guerra de Cuba en 1898 e de regresar por un breve periodo a Galiza, estableceuse definitivamente na illa. Fidel visitou Láncara en 1992, concello que adquiriu un certo simbolismo nas eleccións municipais de 1979, cando BNPG e PCG, moi igualados en votos, pugnaron por gobernar o lugar de orixe do líder da revolución cubana.

Fidel Castro. A miña vida. Conversas con Ignacio Ramonet
é a tradución ao galego, aumentada e actualizada (revisada polo propio Fidel durante a súa convalecencia), de Cien horas con Fidel, presentado por Ramonet en Cuba en maio de 2006. Xerais publicará a obra en decembro, e a súa intención é presentala en febreiro na Feira do Libro da Habana, onde Galiza será o país convidado.

A obra, produto das entrevistas que Ignacio Ramonet tivo con Fidel Castro durante tres meses, repasa toda a vida do presidente de Cuba, dende a súa infancia, a Revolución ou os momentos que marcaron a historia do país nas últimas décadas, como a crise dos mísiles e a visita de Xoán Paulo II, así como a relación de Fidel co Che Guevara e Hugo Chávez, e o futuro do socialismo.

Finalmente, o libro, traducido por Xosé Manuel García Crego, tamén trata as orixes galegas de Castro, así coma a participación de galegos no asalto ao cuartel Moncada e no proceso revolucionario. Ademais, un dos capítulos está dedicado a Manuel Fraga e noutro repasa as súas relacións co Estado Español a través de Felipe González e José María Aznar.


Ligazóns

4,83/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: