A protesta, que pretende ser unitaria, sairá este martes da Praza de Vigo. Está organizada pola Assembleia Antifascista da cidade, e únese ás moitas que houbo esta semana en Galiza.
Estando tan preto o 20-N, as manifestacións e concentracións en contra das reivindicacións dos nostálxicos do fascismo español hanse estender por todo o Estado. Sobre todo após o asasinato dun mozo en Madrid, o domingo 11, a mans dun militar, militante de extrema dereita que acudía a unha manifestación convocada por Democracia Nacional baixo o lema "Contra o racismo antiespañol, alto á inmigración".
Despois da morte deste mozo, chamado Carlos Javier Palomino (e de que ferisen a un seu compañeiro) as concentracións e manifestacións encheron tamén o país. A semana pasada houbo concentracións en Ourense, Ferrol, Pontevedra, A Coruña (desta hai vídeo aquí), Lugo e Vigo. Nesta última cidade mesmo houbo unha protesta fronte á sede da cadea de radio COPE, á que lle escacharon os vidros dalgunhas fiestras que daban á rúa Príncipe, así como o luminoso, co logo da emisora.
Manifestación antifascista en Compostela
Nesta semana alén dos actos nostálxicos convocados polos militantes de extrema dereita e polos que botan de menos a ditadura franquista, tamén vai haber unha chea de concentracións e manifestacións antifascistas. Unha delas está convocada en Compostela. Será o chamado 20-N ás 19:30, hora da que sairá da Praza de Vigo, percorrendo as principais rúas da cidade.
A manifestación unitaria, está convocada pola Assembleia Antifascista de Compostela, acabada de crear hai nada. No seu blogue, a organización achega un manifesto no que denuncia a situación na que se está a vivir no Estado, en momentos nos que repunta a violencia fascista que, segundo a Assembleia, os medios silencian, a non ser esta vez, na que "coma sempre, tivo que haber un morto, tivo que acontecer algo especial, para que ollasen a realidade e informasen dela".