Xulio Calviño, concelleiro de Tráfico e Seguridade asegurou que a policía local de Vigo non vai empregar as pistolas de descarga eléctrica que levan tempo demandando.
Os axentes da policía local de Vigo levaban semanas teimando por adquirir e pendurar do seu cinto as pistolas Taser, unhas armas de descarga eléctrica paralizante.
O concelleiro Calviño manifestou mesmo o seu enfado pola demostración realizada a pasada semana no Auditorio Municipal, á que asistiu un experto galego no emprego destas armas e varios policías locais (de varias vilas da comarca).
Ao parecer, a demostración que organizaba o sindicato maioritario da policía do Vigo, o SICO, non fora comunicada ao concelleiro, nin aos mandos da policía local, o que provocou o anoxo do edil socialista, quen asegurou que a imaxe de policías coas pistolas Taser está moi afastada da que o Concello quere dar da súa policía "achegada ao cidadán". Calviño terminou dicindo que os policías que Vigo "non van dar unha imaxe de Rambo con esas pistolas".
Electrocutáronse os uns aos outros na clase de instrución
As pistolas Taser X26 "evitan altercados graves, non causan danos á saúde e salva vidas", dixo José Luis Brage, instrutor no emprego da arma que lles deu clase a semana pasada aos policías de Vigo e contornos. Durante a clase, os policías disparáronse entre eles, para probar por si mesmos os efectos da pistola de descargas eléctricas.
Mais, para Amnistía Internacional, o descontrol e falta de regulación do emprego deste tipo de armas pode facer que cheguen a se empregar para maltratar ás persoas, chegando mesmo a matalas. Nun seu comunicado, emitido a semana pasada, cando se soubo da clase instrutora no manexo desta arma, a responsábel de AI en Vigo dixo: "As pistolas paralizantes de electrochoque Taser teñen a capacidade de inflixir dor severa mediante a descarga de 50.000 voltios ao corpo con só premer un botón e sen deixar marcas relevantes, o que as converte nun instrumento moi perigoso susceptible de ser utilizado para torturar e maltratar".