O foro E-Gallaecia promove catro xornadas de encontro entre universidades, tecnoloxías da información e empresas.
Cinco campus universitarios do país serán sedes da sétima edición do congreso TechBusiness Week 2Mil7, organizado polo foro E-Gallaecia. Cada unha das catro xornadas estará dedicada a un aspecto das novas tecnoloxías aplicadas ás empresas.
O luns 5 xirará arredor da seguridade informática, as bases de datos e a programación. Desenvolverase na Escola Técnica Superior de Enxeñaría do campus sur da Universidade de Santiago. O martes 6, o congreso trasládase á Universidade da Coruña, á Facultade de Informática. O software libre e as súas aplicacións no mundo dos negocios será o fío condutor da xornada.
A Universidade de Vigo será a sede da xornada do mércores 7, que se repartirá entre o campus de Vigo, pola mañá, na Escola de Telecomunicacións, e pola tarde en Ourense, na Escola de Enxeñaría Informática. O tema do día será mobilidade e telecomunicacións.
O congreso clausurarase o xoves 8 no campus norte da USC, na Facultade de Ciencias da Comunicación. A derradeira xornada tratará sobre a administración e a Sociedade da Información. O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e os tres reitores das universidades do país intervirán no peche.
A axenda e toda a información sobre o congreso pódese consultar na web de E-Gallaecia. A programación conta coa produción da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industria.