A desgobernamentalización dos medios públicos galegos era unha das promesas do bipartito, no marco do seu compromiso de rexeneración democrática do país. Van alá dous anos e a reforma non está nin sequera sobre da mesa. Ben ao contrario, do que se fala é de manipulación, e a liorta entre PSdeG e BNG polo control da información tivo en Antón Losada a primeira vítima política. Un artigo de Iago Martínez.
Na mañá do 14 de maio de 2002, no pleno do Parlamento autonómico todos os deputados querían “uns medios públicos verdadeiramente democráticos, plurais e veraces” para o país. Todos os presentes no hemiciclo estaban a prol de fornecerlles “unha natureza emanada da pluralidade e do consenso parlamentario” porque cumpría “acabar coa súa dependencia gobernamental”. Todos, agás os da bancada do PP, que votaron en contra e gañaron, amosábanse partidarios de reformar a Lei 9/1984 de creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG) para que non fose o goberno que toca, e si unha maioría cualificada da cámara, dous terzos dos parlamentarios, a que escollese cada cinco anos ao seu director xeral. Iso é o que propoñía unha iniciativa lexislativa popular impulsada por dezanove profesionais da compañía e asinada por outras 20.000 persoas como o primeiro chanzo para a desgobernamentalización dos medios públicos galegos.
Ao ver dos populares a reforma non era necesaria, de entrada, porque non había doenza ningunha que atallar en San Marcos. Se non existía na TVG esa falta de pluralismo informativo que motivara catro anos antes un informe moi crítico do Valedor do Pobo, parecía preguntarse o deputado Manuel Ruíz Rivas, por que complicar a elección do director xeral? Para a oposición a resposta era ben doada. Os socialistas entendían que a lei fora un “fracaso” e que a ausencia de debate, de libre expresión e de circulación de ideas era “un clamor” no país. Constataban, no dicir de Antón Louro, “falta de obxectividade, de imparcialidade, de pluralidade e de veracidade” na televisión pública. E talvez o BNG partillara o mesmo diagnóstico, pero Xosé Manuel Beiras colleu outros vimbios para armar o seu apoio: reivindicar “o pluralismo, o servizo público e o control como os tres principios cardinais que deben soster a relación entre os medios públicos e o poder político”.
A proposta non foi adiante daquela no Parlamento porque os votos do PP (36) pesaron máis que os da oposición (31), mais tampouco ficou aí. PSdeG e BNG recuperárona nos programas electorais cos que se postularon nas autonómicas de 2005 e deron, ao cabo, en integrala no acordo de goberno que hoxe traza as estremas da súa convivencia na Xunta.
Con todo, van alá cinco anos e medio dende o debate no Hórreo, 28 meses dende a toma de posesión do bipartito, e a reforma da lei nin está na orde do día do presidente nin semella un asunto urxente. Está emprazada, iso si, na axenda de Emilio Pérez Touriño, pero nas últimas páxinas da lexislatura. No entanto, a alternativa provisoria á desgobernamentalización dos medios públicos, isto é, o reparto salomónico e a porta pechada de cargos, recursos e responsabilidades entre os socios, empeza a deixar ver os furados.
Esoutra lei da proporcionalidade
Entre o conflito dos 'galenecos' e o recente veto de Vicepresidencia aos informativos da TVG non hai só nove meses. O que media entre os dous casos, entre novembro de 2006 e agosto deste ano, é o deterioro dun modelo continuísta, o do reparto de poderes entre familias políticas, que nin sequera foi doado de argallar. Iso é o que quere dicir Raimundo Méndez, de UGT, secretario do comité de empresa da compañía, ao lembrar que “cando se iniciaron as negociacións entre os dous partidos, a situación na CRTVG era volcánica. A folga previa ás eleccións de 2005 non fora moi ben comprendida e había cuestións moi urxentes que resolver no laboral. Sabíano, e porén non deron prioridade ao asunto, deixándoo para o final. Que significa iso? Pois que había moitos problemas para chegar a un acordo canto aos medios públicos”, explica.
Das conversas entre as dúas forzas políticas, con Fernando Salgado (PSdeG) e Antón Losada (BNG) como interlocutores, resultou a actual fórmula. Os socialistas cedían a dirección da TVG aos nacionalistas (Suso Iglesias) pero conservaban o control dos informativos (Roberto Cid), da xestión económica e comercial (José Manuel Lago) e mesmo da política de comunicación (Pastor Lorenzo), cun forte peso de CC.OO. e xusto ao revés que na radio. A particular lei da 'proporcionalidade' do bipartito completábase ao cabo cun director xeral elixido polo presidente da Xunta pero cun marcado perfil técnico. Benigno Sánchez, na altura xefe da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social da Coruña, ía ter como principal obxectivo no cargo a solución dos graves conflitos laborais na casa, labor para o que configurou un equipo da súa confianza (Carlos Monclús e José Ignacio Lema, entre outros) na área de Recursos Humanos.
O presidente do comité de empresa, Santiago Alvite, da CIG, coincide con Méndez en que a situación laboral mellorou nestes dous anos con respecto á herdanza do fraguismo. Estabelecéronse canles de diálogo entre a dirección e os representantes sindicais, púxose fin á contratación a través de ETT, que afectaba a 110 persoas, e mesmo se iniciaron as conversas para a sinatura dun novo convenio colectivo -o actual está denunciado dende 2003- e para a aprobación dunha oferta pública de emprego, a primeira en quince anos. Porén, engade Alvite, non se depuraron as xefaturas de servizo nin se erradicaron algúns dos vicios sinalados reiteradamente no pasado polo Consello de Contas -política indiscriminada de complementos retributivos e dirección inflada-, ademais de que a temporalidade na contratación segue a ser moi elevada, un 39,9% de media na compañía e até un 43,7% na Radio Galega.
A externalización dos servizos informativos nas delegacións da TVG, adxudicados a TV 7, El Progreso, La Región, Voz Audiovisual e Productora Faro, con contratos que chegan até os 2,4 millóns de euros, tamén preocupa aos sindicatos, que se opoñen a calquera privatización neste eido. Hai, ademais, unha ducia de sentenzas que obrigan á CRTVG a contratar a 43 traballadores destas produtoras que estarían a cubrir necesidades estruturais da compañía. Isto, xunto coa regulación laboral do sector audiovisual galego do que a televisión é motor principal, insiste UGT, terase que abordar no futuro. Agora hai algo urxente. “Temos que cambiar o modelo e desgobernamentalizar os medios públicos”, precisa Alvite, “porque a imaxe que se está a transmitir á cidadanía, con dous partidos pelexando por ver quen controla os informativos, é vergoñosa”. E é que o modelo actual, “o reparto da torta”, engade Méndez, “provoca ademais friccións na xestión do día a día e anula a xerarquía. Todos responden diante do seu partido e ninguén diante do director xeral”.
A reportaxe completa, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 125, outubro de 2007)