Desde o Ministerio de Interior italiano recoñecen o "alarmante" incremento da actividade do crime organizado.
O principal colectivo empresarial de Italia no ámbito da pequena e mediana empresa, Confesercenti, fixo público esta semana un estudo sobre o impacto da presión das mafias italianas na actividade comercial do país. Os resultados indican que en conxunto, o crime organizado aparece como a principal "empresa" en Italia, cun volume de facturación estimado en arredor de 90 mil millóns de euros, un equivalente ao 7% do Produto Interior Bruto do país.
A investigación considera que como media, dous de cada dez dos pequenos negocios están pagándolle dalgún modo cartos a extorsionadores para manter a súa actividade. A porcentaxe é maior no sur do país e en Sicilia chegaría mesmo ao 80% do total de estabelecementos comerciais. A análise tamén atopou que esta presión chega cada vez máis aos grandes negocios, con grandes construtoras relacionadas con este tipo de pagamentos.