Outros catro millóns de campesiños chineses van ser desaloxados das súas casas a causa do encoro das Tres Gorxas, no río Iangtsé.
O Yangtsé ao seu paso polas Tres Gorxas
Outros catro millóns de campesiños chineses van ser desaloxados das súas casas a causa do construción do maior proxecto hidroeléctrico do mundo, a presa das Tres Gorxas no río Yangtsé: Esta cifra súmase aos 1,2 millóns de desprazados polo dique, moitos deles aínda hoxe indixentes.
Este novo desprazamento vai ser levado a cabo durante os vindeiros 10 ou 15 anos, aínda que a metade serán desaloxados antes de 2012. Yu Yuanmu, tenente de alcalde do municipio de Chongqing, ao carón da presa, xustificou a decisión alegando motivos ecolóxicos.
"A contorna ecolóxica da presa das Tres Gorxas é moi fráxil: as súas condicións naturais non son adecuadas para unha masiva urbanización", explicou Yu Yuanmu no diario South China Morning Post. "A zona xa está superpoboada, é inadecuada para o desenvolvemento industrial e padece graves problemas sociais", engadiu.
Autocrítica do antigo executivo
O anuncio prodúcese dúas semanas despois de que un alto cargo do Executivo chinés, Wang Xiaofeng, recoñecese por primeira vez o terríbel impacto ecolóxico que causou este proxecto megalómano de máis de 16.500 millóns de euros de orzamento.
A presa, que estará completamente finalizada en 2008, supuxo o desprazamento de 1,2 millóns de residentes, a desaparición do patrimonio cultural da zona, a erosión do chan, avalanchas de terra, polución e redución de superficie para cultivos.
No entanto, o goberno chinés pretende axudar a controlar o curso do poderoso río Yangtsé, e evitar as inundacións que no pasado provocaron centos de miles de mortes e causaron perdas económicas millonarias.