Ver a televisión, saír da casa e a familia son as grandes prexudicadas do crecemento da rede, segundo un estudio que ademais confirma a fenda dixital do país.
O 23% dos galegos usan o computador a diario
A popularización de internet en Galiza está a ter unha gran prexudicada, a televisión. E é que o 38% dos galegos que usan habitualmente a rede por motivos de ocio di ver menos a tele.
“Saír da casa” (17%) e “estar coa familia” (12%) son as outras grandes prexudicadas, indica a nova Enquisa de Hábitos Culturais 2006-2007 do Ministerio de Educación.
Só por diante de Estremadura
Trátase dun estudio estatal que, por outra banda, confirma a fenda dixital do país. Se o 46% dos cidadáns do Estado empregan os computadores, en Galiza a porcentaxe cae dez puntos, ata o 35%. Isto sitúa o país en penúltima posición, por riba de Extremadura.
A fenda dixital faise aínda maior no uso de internet. No Estado a media é do 41%, en Galiza non chega ao 30%. E é que a penas un 16% dos galegos usa o computador e conéctase a internet todos os días.
A rede galega móvese polo ocio
Entre as motivacións para usar as tecnoloxías, o ocio é a principal entre os galegos. Con todo, o traballo consume a maior parte do tempo que se pasa diante da pantalla, uns 75 minutos ao día.
Entre os galegos que se conectan a internet a miúdo, o tempo adicado a navegar é de aproximadamente unha hora ao día. En termos xerais, os internautas do país conéctanse tanto tempo no seus fogares como noutros lugares, como o postos de traballo e cibercafés.