Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Debate sobre o Estado da Autonomía

Feijoo: "É un discurso feito por xente que parece non vivir en Galiza"

Moi crítico coa intervención de Touriño, o líder do PPdeG cualificou o discurso do presidente de texto cheo de "imaxinación e lixeireza".

Redacción - 14:00 02/10/2007

"Semella que o discurso estea feito por xente que non vive aquí", comentou o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, ao respecto da intervención do presidente da Xunta na apertura do Debate sobre o Estado da Autonomía, criticando especialmente a referencia de Touriño á "Liga das Estrelas" onde o líder do executivo considera que xa está Galiza desde o punto de vista económico. "Creo que é pouco respectuoso cos cidadáns", opinou Feijoo sobre a devandita expresión.

Na opinión do líder do PPdeG, o discurso de Emilio Pérez Touriño "pareceu máis un discurso de investidura que un de terceiro ano de goberno". Feijoo avaliou que o presidente fixo "un relatorio de incumprimentos e tarefas pendentes". Ademais, denunciou que das palabras de Touriño se entenda que os obxectivos en materia de enerxía eólica se adiarían até dous anos, os relacionados co gasoducto até tres anos de atraso, e diversas infraestruturas quedarían sen prazo concreto fixado.

De paso, Feijoo reprochoulle a Touriño que non concedese asomo de autocrítica. "Perdeu a oportunidade de ser un chisco humilde", dixo, "acaso non hai erros nin nada que mellorar?". Por outro lado, o presidente do PPdeG tamén instou ao vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, a non intervir na sesión da tarde, asegurando que nese caso "non estaríamos nun Debate sobre o Estado da Autonomía, senón fronte a un dobre discurso onde falan dous presidentes de dous gobernos".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: