Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESTRATEXIAS POLÍTICAS

PSdeG e BNG admiten que o resultado das estatais condicionará o futuro do bipartito

Os asesores de Touriño contemplan un adianto dos comicios galegos en caso dunha vitoria de Zapatero.

R.V. - 13:15 20/09/2007

A axitada vida política que vive o país nas últimas semanas fai que os partidos revisen as súas estratexias. As formacións galegas saben que boa parte do futuro da Xunta se xoga dentro de seis meses nas eleccións xerais. O xornal La Voz de Galicia publica este xoves que o equipo de Touriño baralla un adianto dos comicios galegos en caso de que Zapatero gañe os comicios. Os asesores do presidente coidan que, se se dá ese caso, o PSdeG tería todo o vento a favor para lograr uns bos resultados.

Fontes do BNG consultada por Vieiros, confirman que teñen indicios de que Touriño contempla a posibilidade dun adianto. Mais apuntan que, ademais de aproveitar o posíbel “tirón Zapatero”, ese adianto deixaría en vía morta os proxectos estrelas das consellarías nacionalistas. A medias quedarían medidas tan importantes como o Banco de Terras, o sistema de benestar que impulsa Vicepresidencia ou os cambios en politica enerxética nos que está a traballar a Consellaría de Industria.

O propio coordinador da executiva nacionalista, Francisco Jorquera, chamaba esta semana a traballar arreo para incrementar o peso do BNG no Congreso. Jorquera falaba dun previsíbel contexto sen maiorías absolutas no estado. Mais, sen dúbida, uns bos resultados do Bloque tamén reportarían folgos de cara aos comicios galegos. Precisamente, Jorquera é un dos principais candidatos a encabezar a lista nacionalista pola provincia da Coruña. Tamén hai sectores que verían con moi bos ollos que Roberto Mera fixera o propio en Pontevedra. Os nacionalistas buscan repetir os tres deputados que conseguiran no ano 2000.

Á espera das luces vermellas no PPdeG
Mais a posibilidade dun adianto non é visto con claridade por unha parte do PSdeG. Un dirixente socialista aseguráballe a este xornal que “todo goberno debe aspirar a rematar a lexislatura”. Incluso matiza que o lóxico é executar o orzamento no que se está a traballar para 2008. Porén, recoñece que as eleccións españolas de marzo van marcar claramente o camiño. Os socialistas dan por feito que unha derrota de Mariano Rajoy activaría as luces vermellas tamén no PPdeG.

Socialistas e nacionalistas seguen a ver factíbel unha crise interna no PPdeG. As espadas que se ergueron na guerra pola sucesión de Fraga poderían saír outra vez a escena. A pregunta segue no ar: Hai espazo para un partido “galeguista de centro”?


3/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: