Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Medra a polémica

O BNG di que o plus de altos cargos foi un 'erro' e a CIG prepara mobilizacións

O PSdeG asegura que non se vai botar atrás nos acordos, e o PPdeG pregúntalle aos socialistas se "cederán á chantaxe" dos nacionalistas.

Redacción - 19:15 18/09/2007

O voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, volveu mostrar este martes o desexo de que a polémica disposición adicional 17ª da Lei da Función Pública, que establece un complemento económico para os funcionarios que foron altos cargos da Administración durante polo menos dous anos, "poida ser reformada ou derrogada canto antes".

Aymerich advertiu de que o plus aos ex altos cargos "non se pode derrogar", porque está regulamentado por unha normativa estatal, aínda que si apostou por eliminar o incremento que estabelece a citada lei, que este luns entrou en vigor.

No mesmo senso pronunciouse o coordinador da Executiva Nacional, Francisco Jorquera, quen este martes en conferencia de prensa considerou o complemento retributivo un "erro". "Non estamos de acordo con este plus", dixo, e anunciou a intención de abrir unha "interlocución" con PSdeG e PPdeG encamiñada a "corrixilo".

"É o seu problema"
O novo posicionamento dos nacionalistas ao respecto foi criticado polo voceiro socialista, Ismael Rego, quen recordou que a lei se aprobou "por unanimidade por parte de todos os grupos" e advertiu de que o seu grupo "non adoita desdicirse dos acordos que logra co resto". "Será problema do BNG", resaltou o deputado do PSdeG.

Pola súa banda, o voceiro parlamentario do PPdeG , Manuel Ruiz, reclamoulle ao Goberno que decida se segue unido na aprobación da norma" ou se, pola contra, "está aberto á chantaxe dos seus propios socios", en referencia á postura do BNG.

Iniciativa popular
Ademais, tamén o secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, anunciou que o 26 de setembro convocará unha concentración de delegados ante a sede da Xunta para protestar polo plus e pediralle aos tres grupos parlamentarios que o derroguen. Seixo adiantou que, "se estas xestións non dan resultado", a CIG analizaría a posibilidade "de promover unha iniciativa lexislativa popular".


4,64/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: