Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Convidadas polo Club Internacional de Prensa

As "loucas" que cambian o mundo

O Simposio Pobre Mundo Rico tamén sairá á rúa nun explosión de cor e alegría: as Loucas de Pedra Lilás son seis mulleres de Pernambuco que fan moito máis que teatro na rúa.

Redacción - 13:16 18/09/2007

Reflexión, entendemento, compromiso, e denuncia da pobreza van da man deste espectáculo. As Loucas de Pedra Lilás chegan a Galiza co mes de outubro: o día 2 actuarán no Centro Social Caixanova, de Vigo, na inauguración do Simposio, ás 19.00. O día seguinte estarán na Coruña, o xoves 4, en Compostela e Ourense, e xa o venres día 5, en Pontevedra e Lugo.

Estas "tolas brasileiras" loitan contra a desigualdade e calquera xeito de opresión de xénero e social en xeral. A súa proposta, "Outro mundo é...", denuncia as urxencias políticas para mellorar a calidade da vida das mulleres e homes de Latinoamérica e doutras partes do mundo. O seu estilo é simple, irreverente, incisivo e lixeiro. En tan só media hora, as Loucas poñen sobre a escena os seus conceptos de igualdade, fe, responsabilidade, calidade, dereito, liberdade e xustiza. Queren demostrar que é posíbel curar este "mundo-can".

A obra divulga ademais a campaña das feministas latinoamericanas do Mercosur: "A nosa boca é fundamental contra os fundamentalismos". Máis de 5.000 persoas aplaudírono no V Foro Social en Porto Alegre, no II Foro Social Brasileiro Recife/2006 e no II Foro Social Hemisférico en Caracas / Venezuela en 2006.

Seis loucas e 18 anos de loita

Este elenco intégrano Ana Bosch, de 55 anos, artista gráfica, e coordinadora artística do grupo; Cristina Nascimento, de 39, profesora e arte-educadora, coordinadora pedagóxica das Oficinas de Prevención e Combate á Violencia Doméstica, sexista e racista; Ediclea Santos, de 50, educadora, costureira, líder comunitaria, e militante dá causa afro-descendente; Gigi Bandler, de 56 anos, educadora e coordinadora do grupo; Nadege Nascimento, de 50 anos, vendedora autónoma, educadora, e Paz Brandão, de 28 anos, arte-educadora, produtora cultural, e militante da causa afro-descendente. Todas son de Recife, agás Cristina, de Pernambuco, e tamén Gigi, francesa, e Ana, uruguaia, pero as dúas levan máis de media vida vivindo alí.

Todo naceu no 89, cando o movemento autónomo de mulleres de Recife lanzou unha campaña de información sobre a saúde das mulleres para o estado de Pernambuco. estas activistas sentiron a necesidade de buscaren novas formas de comunicación coas persoas. Saíron a facer teatro á rúa, un teatro de "imaxes fortes, cheas de cor, graciosas, os nosos ideais de xustiza social, de igualdade, de pluralidade". Vestíronse de negro e pintaron a cara de branco, e demostraron que as feministas, "tan criticadas e atacadas, non morden (sempre) e mesmo son hu-ma-nas".

A participación do público e a mobilización son as súas claves. Dende o 96 comezaron a conseguir doazóns de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento. "Actualmente estamos cinco ou seis tolas regulares e moitos satélites, simpatizantes. Brancas e negras, de horizontes culturais moi diversos, son o que enriquece a nosa vivencia e análise". Agora teñen un espazo semanal de tres minutos, "Tolas por dereito", na televisión pública do Brasil. Fixeron, nos dous últimos anos, máis de 120 representacións.

Abordan dende a prevención e combate da violencia sexista, racista e homófoba até a defensa dos dereitos sexuais, dereitos reprodutivos e unha saúde pública de calidade para todas e todos, sen excluíren o rural, e denuncian o impacto dos Tratados de Libre Comercio na vida das traballadoras rurais latino-americanas, das patentes de medicamentos esenciais, dos fundamentalismos económicos e relixiosos, etc.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



As loucas en Quito (Ecuador), na inauguración do Foro Social das Américas (2004)
As loucas en Quito (Ecuador), na inauguración do Foro Social das Américas (2004)