A norma afectaría a decenas de milleiros de galegos residentes no país que non contan coa nacionalidade helvética.
Cartaz usado polo SVP para promocionar a lei
O partido maioritario no parlamento de Suíza, o Schweizerische Volkspartei (en alemán) ou Union Démocratique du Centre (en francés), SVP-UDC, de estrema-dereita, está a promover unha lei que permitiría a expulsión do país de familias enteiras -de nacionalidade non helvética-, de cometer algún dos seus membros un crime de carácter violento, relacionado con drogas ou de fraude financeira.
Segundo datos recentes do Censo de Residentes Ausentes (CERA), 30.445 galegos viven en Suíza, mais o número podería ser maior dado que este rexistro é voluntario e non ten en conta aos menores de 18 anos. Máis dun 20% da poboación do país carece da nacionalidade suíza; a maioría leva a vivir moitos anos no país, e ao redor dun terzo xa naceu alí.
Conseguir a cidadanía suíza é moi complexo e mesmo nacer no país non dá dereito a ela, aínda no caso de netos de inmigrantes, xa que o solicitante está obrigado a vivir alí ininterrompidamente durante doce anos antes de podela solicitar e, posteriormente, cumprir cunha serie de diferentes trámites dependendo de cada cantón, segundo informan na embaixada de Suíza no Estado español.
Polémico cartaz
Un dos elementos que máis polémica está a crear, fóra da norma en si, é o cartaz empregado polo SVP para promocionar a nova lei. A imaxe representa tres ovellas brancas na que unha destas despraza coa pata outra negra fóra da superficie na que se atopan, unha bandeira suíza.
Os cartaces estarán pendurados por todo o país deica as eleccións xerais, previstas para finais de outubro, que o SVP afronta con moi boas perspectivas, segundo as enquisas. Cómpre lembrar que o sistema lexislativo suízo contempla a posibilidade de que os cidadáns rexeiten unha lei aprobada polo parlamento se son quen de xuntar 50.000 sinaturas en cen días.
Asociacións de emigrantes, partidos de esquerdas e as Nacións Unidas xa amosaron o seu malestar pola ilustración, a que cualifican de racista. Outros como os grupos xudeus salientan o simbolismo do cartaz e a reminiscencia da propaganda nazi que mesmo as súas cores provocan.