O responsábel da primeira rede sen fíos da Xunta, Víctor Álvarez, explica as posibilidades do acceso público a internet no rural galego
A Xunta presentoulle esta semana aos veciños do Courel a súa primeira rede Wimax, que levará internet de alta velocidade aos concellos de Samos e Folgoso de Courel. O responsábel desta iniciativa é Víctor Álvarez, que nesta entrevista detalla as funcións e custos dun proxecto que, de ter éxito, podería ser fundamental para superar a fenda dixital da Galiza rural.
Unha das chaves para saber a repercusión deste proxecto piloto é a súa rendibilidade. Álvarez argumenta que a rede sen fíos, que nun comezo será gratis para os veciños, “é relativamente barata, se temos en conta que custa o mesmo que facer cinco quilómetros de pista”.
Ademais, a nova infraestrutura servirá para proporcionar servizos tan básicos como acceso ás radios e televisións analóxicas, con moitos problemas de cobertura no Courel. E que é unha dos servizos que máis demandan os veciños destas zonas é usar internet para poder ver os partidos de fútbol pola televisión.
Proxectaron unha película para promocionar a nova rede...
A película erá un gancho para atraer a xente de Samos, do que se trataba realmente é de explicarlle as vantaxes do Wimax. Tamén aproveitamos para facerlles un enquisa e saber que necesidades teñen, por exemplo, determinar se dispoñen dun computador ou se hai cativos na casa. Con eses datos, imos coñecer onde hai máis demanda, que servizos piden, e así decidir por onde imos estender primeiro a rede.
Cando estará dispoñíbel o servizo?
A partir de de decembro entrará en funcionamento nas cabeceiras, Samos, Folgoso e Seonae. En seis meses, ou menos, queremos cubrir o resto. Non vai quedar ningún lugar no que haxa demanda sen cobertura. O obxectivo é que un rapaz de calquera aldea poida acceder á sociedade da información de igual xeito que un rapaz que vive na cidade de Lugo. Ao final, esperamos cubrir o 30% do territorio.
Que custo ten a extensión da rede?
É relativamente barato, se temos en conta que custa o mesmo que facer cinco quilómetros de pista. A infraestrutura facilitámola dende a Consellería de Medio Rural, cun custe duns 100.000 euros en cada concello, mentres que a Consellería de Industria proporciona os cursos de formación -que son moi importantes- e o equipamento para as casas, cunha inversión duns 60.000 euros. Pero está previsto comprar máis aparellos para que non haxa ninguén que pida o servizo que quede sen acceso.
Vai Medio Rural espallar esta rede a outros municipios?
Polo de agora é un proxecto piloto para dous concellos, Samos e Folgoso do Courel. Fixémolo aí porque hai un estudio, realizado pola universidade, que detectou cunha das principais carencias era o acceso as tecnoloxías da información. Pero o novo Programa de Desenvolvemento Rural da Consellería, que se aplicará ata o 2013, establece como unha das prioridades, e adica moitos recursos económicos, a extensión de internet no rural. Polo tanto, a rede pódese estender a outras comarcas con posterioridade, unha vez avaliado este proxecto piloto.
Ademais de acceso á rede, a iniciativa proporcionará servizos ...
Esta infraestrutura ábrenos un abano enorme de posibilidades. Sería interesante aproveitala para montar un sistema de vixilancia medioambiental para os incendios ou montar postes de información nas zonas polas que pasa o Camiño de Santiago, para que, por exemplo, os peregrinos poidan coñecer se hai aloxamento nas seguintes aldeas da súa ruta.
Cal é a situación legal do Wimax? Pode a Xunta ofrecer internet gratis?
Este é un tema que hai que tratar con coidado, porque hai unha serie de empresas privadas que teñen licencia para operar esta tecnoloxía. O primeiro ano ou ano e medio, como é un proxecto piloto, será gratuíto. Despois, a empresa que leva o proxecto, a coruñesa Colabora, ocuparase do mantemento do servizo e cobrará unha cota, xa que está dada de alta como operadora.
Que é o que máis demandan os veciños?
Unha das cousas que máis piden e poder escoitar as radios e ver a televisión, xa que en moitos sitios só hai cobertura dun par de canles. Nos imos permitirlle acceder a todas as emisoras. E que, curiosamente, polo que máis se interesan moitos veciños e se poderán ver a Sexta, supoño que para poder ver os partidos de fútbol!