Ao igual que sucede co equipamento informático, a fenda dixital é especialmente grave nos centros privados
O sistema educativo galego presenta o peor índice de conexións á rede de todas as autonomías. Así, se no conxunto do Estado apenas quedan escolas e institutos sen conectar (menos do 2%) en Galiza o índice de centros sen acceso ao ciberespazo dispárase ata case o 12%.
Iso si, ao igual que sucedía co equipamento informático, existe un especialmente importante atraso nos centros privados. E que case unha de cada tres escolas privadas aínda non está conectada, mentres que na ensinanza pública a porcentaxe é do 8%. Así o mostra a nova “Estatística sobre Sociedade da Información”, un estudio anual que acaba de actualizar o Ministerio de Educación.
Aínda hai moitas conexións RDSI
Outro problema engadido, especialmente no ensino primario, é a velocidade das conexións. En Galiza hai un 30% de colexios que non dispón de banda larga. A razón é que aínda existen un importante número de escolas de primaria conectadas mediante RDSI.
Isto sucede sobre todo en zonas rurais onde aínda é imposíbel contratar ADSL, o que impide aos profesores acceder á banda larga e, polo tanto, empregar recursos educativos multimedia en liña.