Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Prazo até o 17 de agosto

Por primeira vez, Cultura convoca bolsas de investigación sobre a arte contemporánea

A Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural destina unha partida económica de 48.000 euros a este tipo de axudas.

Redacción - 14:32 18/07/2007
CGAC

CGAC

A Consellaría de Cultura e Deporte convoca oito bolsas de investigación sobre o patrimonio da arte contemporánea galega. Podemos ler a convocatoria no DOG do 17 de xullo, e o prazo de solicitudes estará aberto até 17 de agosto. Deberán ser presentadas na Consellaría de Cultura ou ben nas súas delegacións provinciais.

As persoas que obteñan a bolsa traballarán no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) coordinadas polo persoal técnico do centro. Cunha duración de doce meses, estas axudas de carácter bianual contarán cun investimento de 48.000 euros que se repartirán entre este ano e o 2008. O importe de cada bolsa non excederá a cantidade de 6.000 euros anuais por solicitante.

O traballo centrarase no espazo documental do Proxecto Edición, en publicacións, na historia da arte nos anos 70 en Galiza e nas novas formas de educación artística. Poderán optar a estas axudas os licenciados e diplomados en Biblioteconomía, Historia da Arte, Filoloxía, Ciencias da Comunicación, Belas Artes, Documentación, Historia, Comunicación Audiovisual, Ciencias da Educación e Informática.

Con esta nova partida a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural continúa cumprindo os obxectivos da Consellaría a prol da investigación arredor do patrimonio e desde os centros museísticos do país. Pola súa parte o CGAC, centro dependente de Cultura, reafirma as liñas do seu regulamento que o encamiñan a contribuír á formación e perfeccionamento do persoal especializado en arte contemporánea, museoloxía e museografía.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: