Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
A XUSTIZA CHAMOUNA A DECLARAR

A ministra arxentina de Economía renuncia por sospeitas de corrupción

Presentou a súa dimisión polo escándalo que desatou unha bolsa con cartos non declarados que foi atopada no seu despacho. Unha crónica para Vieiros de Débora Campos.

Débora Campos - 17:23 17/07/2007
Felisa Miceli

Felisa Miceli

A ministra de Economía arxentina, Felisa Miceli, ofreceu este luns a súa "renuncia indeclinable" ao cargo, segundo explicou porque a difusión de actos da súa "vida privada" estaban afectando ao goberno nacional. Refírese a unha causa xudicial na súa contra que comezou hai poucos días, cando unha garda da policía que facía unha revisión de rutina no seu despacho atopou unha bolsa de cartos (dólares, pesos e euros) non declarados pola funcionaria e sobre os que as explicacións que deu non foron suficientes.

A dimisión de Miceli, primeira muller en ocupar o Ministerio de Economía na historia arxentina, formalizouse poucas horas despois de que o fiscal federal Guillermo Marijuán solicitara a súa declaración indagatoria nunha causa na que se investiga a aparición, o día 5 de xuño, dunha bolsa que foi atopada no cuarto de baño privado do seu despacho.

Marijuán acusa a Miceli dos presuntos delitos de "incumprimento dos deberes de funcionaria pública, subtracción dun documento público e encubrimento". Para o fiscal, os billetes, algúns deles co selo do Banco Central da República Arxentina, chegaron ás mans da ministra "por fóra dunha operación financeira legal, regular e debidamente rexistrada, que conte, ademais, co seu correspondente respaldo documental".

Máis de ano e medio ao fronte do Ministerio


Nun breve texto coa súa renuncia, Miceli fixo referencia a que "a difusión de actos da miña vida privada vinculándoos coa miña actividade pública, fixo un dano inmerecido á miña honorabilidade que indubidablemente afecta ao noso goberno".

Miceli, que permaneceu no cargo por 19 meses e 16 días, asumira ao fronte do Ministerio o 1 de decembro de 2005, tres días logo de que o presidente Néstor Kirchner botara ao agora candidato a presidente Roberto Lavagna.

Segundo foi anunciado no serán do luns, o secretario de Industria, Miguel Peirano, foi designado para substituír a Miceli. O goberno fixo o anuncio e salientou que Peirano é un economista con perfil "produtivista e industrialista". Ademais, aclarouse que "imos seguir coa mesma lóxica, dunha economía industrialista, de desenvolvemento".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: