Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Este domingo, homenaxe na súa terra

Manuel Lourenzo levará o 'E' da AELG

Esta homenaxe fáiselle todos os anos a escritores e escritoras cunha dilatada carreira literaria. Ademais, recibe a consideración de "Socio de Honra".

Redacción - 10:35 08/07/2007
Manuel Lourenzo

Manuel Lourenzo

Xa foron homenaxeados Avilés de Taramancos en Boa (no Taramancos que lle deu o alcume, en Noia), Manuel María, o poeta chairego, en Outeiro de Rei, María Xosé Queizán ou María do Carme Kruckenberg en Vigo, Luz Pozo en Ribadeo ou Novoneyra en Parada do Courel.

Agora será o Parque Concepción Arenal de Ferreira o que acollerá, ás 11.30 deste domingo 8 de xullo, a inauguración dun monolito cun texto escollido polo autor, e máis dunha placa na casa natal de Manuel Lourenzo. O acto público será ás 12.30, no Centro Sociocultural Xuvenil e da Terceira Idade, e na Torre "Pardo de Cela", xa en Alfoz, lerá a Laudatio o Profesor da Universidade da Coruña Henrique Rabuñal Corgo. Seralle entregada, a continuación, a "Letra E", deseñada polo artista Acisclo Manzano.

É a XIII edición desta homenaxe, unha tradición da AELG coa que queren facer partícipes aos autores e autoras homenaxeados, e, sobre todo, á súa terra: entrégaselle a letra, inaugúrase un espazo público co seu nome (ou outro nome escolleito pola persoa homenaxeada), e, ademais do monolito, plántase unha árbore, que quedará como patrimonio para deixar constancia da memoria destes persoeiros. Neste caso, Lourenzo quixo plantar un érbedo.

Unha figura clave do noso teatro

Actor, dramaturgo e tradutor, director teatral e dinamizador de varias iniciativas teatrais, creou, xunto con Francisco Pillado o Grupo de Teatro O Facho, ligado á Agrupación Cultural do mesmo nome, un fito histórico para o teatro independente galego. Dous anos despois fundou Teatro Circo, que durou nove anos e asistiu ás Xornadas de Teatro de Pontevedra de 1971 e mais ás Mostras de Teatro Galego Abrente de Ribadavia (1973-1980), citas de necesaria referencia dentro do contexto do Teatro Independente.

No 78 funda, de novo con Francisco Pillado, a Escola Dramática Galega, e codirixe con el os Cadernos da Escola Dramática Galega. Un ano despois, publican xuntos a monografía O Teatro Galego. No 80 crea a Compañía Teatral Luís Seoane e, en 1981, recibe con Pillado un premio outorgado pola Aula de Teatro da Universidade de Compostela, outorgado a raíz dun traballo sobre o teatro de Luís Seoane. Tamén en 1981, e tamén con Francisco Pillado Mayor, funda a editorial Castrodouro.No 90, crea o Clube de Teatro Elsinor, e sete anos despois recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática, por Veladas indecentes. un ano despois creou, xunto con Santiago Fernández, a escola teatral Casahamlet, que hoxe rexenta.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: