A curtametraxe, dirixida por Mireia Giró, xurdiu do guión gañador do certame Compostela Plató 2005.
A curtametraxe Quérote mal, de Mireia Giró, acadou o premio do público do concurso convocado polo programa da televisión estatal Versión española. O guión fora vencedor do primeiro certame Compostela Plató, que lle permitiu converterse en filme e participar nunha ampla rede de festivais.
Quérote mal conta a historia dunha muller cega, interpretada por Isabel Naveira, que namora dun home (Monti Castiñeiras) que cambia a súa vida. A curtametraxe, producida por Ficción Producciones, rodouse no verán do ano 2005 grazas ao concurso de guións para curtametraxes Compostela Plató, do festival internacional Curtocircuíto, de Santiago de Compostela.
O certame, organizado pola Compostela Film Commission, pretendía promocionar a capital do país como escenario para a rodaxe de producións audiovisuais. Ademais, permítelles ás obras gañadoras participar en todo tipo de certames por todo o estado. Agora, Quérote mal acada o premio Kodak, concedido polo público do sétimo concurso iberoamericano de curtametraxes Versión Española-SGAE, dotado con 4.000 metros de película virxe.