Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
Eleccións na Arxentina

Día negro para Néstor Kirchner

O Berlusconi da Arxentina, o presidente do club de fútbol Boca Junior, Mauricio Macri, converteuse no vindeiro alcalde da cidade de Bos Aires. Unha crónica de Débora Campos.

Débora Campos - 10:06 25/06/2007
As papeletas na mesa. Foto: TELAM

As papeletas na mesa. Foto: TELAM

Con algo máis do 60 % dos votos, o empresario e titular do partido de dereita Propuesta Republicana (PRO), Mauricio Macri, converteuse este domingo 24 no vindeiro alcalde da cidade de Bos Aires. Foi un serán negro para o presidente peronista Néstor Kirchner xa que tamén nas eleccións provinciais en Tierra del Fuego o seu candidato perdeu a gobernación diante do partido opositor Alternativa por una República de Iguales (ARI).

Macri é empresario e fillo do poderoso e criticado Franco Macri, titular dun imperio edificado grazas aos millonarios contratos co Estado (sobre todo nos anos da última ditadura militar e co goberno do ex presidente Carlos Menem), polo que moitos o comparan co ex Primeiro Ministro italiano Silvio Berlusconi. O presidente do Boca Jr gañou onte a segunda volta ao candidato apadriñado polo presidente arxentino e ministro de Educación, Daniel Filmus, e vai asumir o seu posto o vindeiro día 10 de decembro.

Co 70 % de participación, segundo as autoridades electorais, Macri superou ao candidato oficialista co 60,75 % dos votos contra o 39,25. Logo de coñecidos os números, o empresario falou perante os seus militantes. "Grazas a todos os que apostaron á esperanza e non ao medo", dixo e engadiu: "Grazas aos militantes que foron profetas da esperanza". Prometeu que "agora comeza o cambio".

Na Tierra del Fuego gaña o ARI

Minutos antes, Filmus, acompañado por moitos dos ministros da Nación, falou diante dos seus simpatizantes e dixo: "Acadamos case o 40 por cento dos votos, é unha votación importante, quizais a máis alta que teña obtido a nosa forza política. Asumo persoalmente todos os acertos e erros que tivo a nosa campaña". O ministro subliñou: "Non trocamos as nosas conviccións e quero agradecer en primeiro lugar ao presidente Néstor Kirchner e a Cristina Kirchner o apoio incondicional".

No cabo do mundo e no punto máis sur da Arxentina continental, a provincia de Tierra del Fuego tamén votou nunha segunda volta na que se enfrontaban o candidato kirchnerista e actual mandatario provincial, Hugo Cóccaro, e a candidata do ARI, Fabiana Ríos. A opositora gañou por 10 puntos e será a primeira muller en gobernar unha provincia na Arxentina.


4,5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: