Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Convidados polo Club Internacional de Prensa

Ramonet e Chao pechan 'Os latexos do mundo'

Estes dous xornalistas e escritores galegos, membros de Le Monde Diplomatique e o colectivo ATTAC, abordarán en dúas conferencias os conflitos do mundo contemporáneo.

Redacción - 11:33 18/06/2007

O ciclo organizado polo Club Internacional de Prensa xunto con Le Monde Diplomatique, "Os latexos do mundo", chega á súa fin con dous persoeiros do xornalismo, Ignacio Ramonet e Ramón Chao.Estarán no Multiúsos da Xunqueira de Redondela o xoves 21, presentados polo alcalde Xaime Rei, e no Centro Sociocultural Caixa Galicia lugués o venres 22, presentados polo secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, para falaren sobre 'A guerra e a paz hoxe. Xeopolítica dos conflitos contemporáneos' e máis sobre 'A guerra contra os pobres', temas interrelacionados que ámbolos oradores debullarán na súa conferencia conxunta.

O redondelán Ignacio Ramonet é doutor en Semioloxía e Historia da Cultura, e catedrático de Teoría da Comunicación. Especialista en Xeopolítica e Estratexia Internacional (experto-consultante das Nacións Unidas), foi premiado en numerosas ocasións polo seu labor xornalístico. Entre os seus libros son salientábeis La Golosina visual, Cómo nos venden la moto (con Noam Chomsky), Il Pensiero Unico (con Fabio Giovannini e Giovanna Ricoveri), Nouveaux pouvoirs, nouveaux maîtres du monde, Un Mundo sin rumbo, Rebeldes, dioses y excluídos (con Mariano Aguirre), La tiranía de la comunicación, Propagandas silenciosas ou Guerras del Siglo XXI. Na actualidade, dirixe Le Monde Diplomatique en España e Manière de voir. É impulsor do colectivo antiglobalización Attac.

Ramón Chao (Vilalba, Lugo) é músico, escritor e xornalista. Criouse tocando o piano na fonda que rexentaban seus pais, un punto de encontro para persoeiros como Cunqueiro ou Celso Emilio Ferreiro. No 56 emigrou a Francia para estudar piano. En París, dirixiu emisións radiofónicas en galego, que foron prohibidas por Franco, e foi correspondente da revista Triunfo. No 91 foi nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras polo goberno francés. Colabora en diversos medios xornalísticos, como Le Monde Diplomatique ou El País. É autor, entroutros libros, da Guía secreta de París, El lago de Como, Palabras en el tiempo, Conversaciones con Alejo Carpentier, Un posible Onetti, Un tren de hielo y fuego, Mano Negra en Colombia, Prisciliano de Compostela ou La passion de Carolina Otero. É membro tamén de Attac.

Eles dous abordarán os principais enfrontamentos -militares, políticos, económicos, ecolóxicos- do mundo de hoxe, e indagarán se existen lóxicas de lectura que nos permitan comprender mellor as dinámicas que se enfrontan, quen son os actores determinantes do mundo contemporáneo, ou en que medida a globalización liberal está orientando a marcha da historia. Outras preguntas de interese serán se a "guerra internacional contra o terrorismo" é a resposta axeitada ás grandes desordes contemporáneas, que motiva o "espertar" actual do islam, que consecuencias ten a invasión de Iraq a mans dos estadounidenses, e que pode facer a cidadanía.


4,83/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ignacio Ramonet e Ramón Chao
Ignacio Ramonet e Ramón Chao