Máis de 250 persoas concentráronse o domingo á tarde diante da prisión de Teixeiro, en Curtis, para reclamar a posta en liberdade do patrón maior da Confraría de Ferrol, Bernardo Bastida e, asemade, o traslado da planta de Reganosa da ría.
Entre os presentes estaban os douscentos participantes na Marcha solidaria en apoio de Bernardo Bastida, que percorreu a pé dende o venres 89 quilómetros. O resto dos concentrados chegaron até Teixeiro en autocares ou en coches particulares, como a líder de Esquerda Unida de Ferrol, Yolanda Díaz.
Alí, pouco despois das tres da tarde, o coordinador co
Comité de Emerxencia da Ría de Ferrol, Carmelo Teixeiro, deu lectura a un comunicado no que reclamou que se aplicase a lei e se procedese á liberación de Bastida, ademais do desmantelamento da regasificadora que ameaza o interior da ría.
O voceiro dos mariscadores, Xaime Gabarri, tamén lle dedicou unhas palabras de apoio ao patrón maior, do que dixo que «o único que fixo foi loitar polos traballadores». Os mariscadores ferroláns estiveron acompañados por outros compañeiros que chegaron en autocares, como os membros das confrarías de Barallobre, Mugardos, Pontedeume e de localidades das Rías Baixas.
A pesar da presión policial que atoparon nas dúas anteriores ocasións en que tentaron bloquear a entrada de gaseiros na ría, e que provocaron o ingreso en prisión de Bernardo Bastida, anunciaron que seguirán repetindo as mobilizacións contra os buques que pretendan acceder á planta. O próximo está previsto que chegue a finais da vindeira semana.
Os participantes na marcha cualificárona de éxito, tanto pola súa repercusión como pola solidariedade que foron recibindo polos lugares do percorrido. Despois, regresaron a Ferrol en autobuses.