O pasado romano e celta volve á cidade cunha chea de actividades e recreacións históricas durante toda a fin de semana.
Un momento da festa do ano 2006 / Foto: ardelucus.com
A cidade das murallas abre o programa de actividades do Arde Lucus MMVII cun anticipo do que serán os tres días de festa romana, durante a fin de semana. Durante a quinta feira desfilarán na Praza Maior os participantes dos concursos convocados co gallo da celebración.
As máis de oitenta persoas que concorren ao certame de caracterización de personaxes aspiran a premios de entre 300 e 500 euros, que se concederán ese mesmo día. Tamén se lle dará un premio ao mellor dos catro escaparates candidatos.
Pero a festa en si comezará o venres á tarde. O programa deste ano conta con 200 actividades de todo tipo nas que se recreará o pasado romano de Lugo. A diferenza de pasadas edicións, o Macellum (mercado) estará esta fin de semana na Praza Maior, e contará con 58 postos de venda de artesanía. Os problemas de espazo do Arde Lucus 2006 obrigaron a cambialo de situación.
Novidades e actividades que repiten
A principal novidade da edición do 2007 será a celebración de vodas romanas, con todos os detalles da cerimonia, reconstruída por especialistas. Tamén se estreará o espectáculo da Lenda Celta, con personaxes máxicos que representarán un teatro pouco convencional. Recupérase, ademais, a queimada do sábado á noite, na Praza Maior, co esconxuro de rigor.
Polo demais, mantéñense as actividades doutros anos: o pregón, o nomeamento dos personaxes da festa, o premio Civis Honoris, a queima da muralla, o circo, a venda de escravos, o concerto de arpas, a exhibición de bigas e cuádrigas e as representacións do Nasciturus e das Vodas Celtas.
No carril das Estantigas montarase de novo o campamento romano, e desenvolverase por segunda vez a Expugnatio ou toma da cidade o venres á medianoite. O ano pasado unha treboada impediu que a actividade se puidese apreciar en todo o seu esplendor.
Outro aspecto moi importante da festa, a confección dos traxes, bate outra marca, con máis de 3.750 persoas que xa confirmaron a súa participación como voluntarios. Este ano empregáronse case 13.000 metros de tea para elaborar as vestimentas.