Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Comisión de Turismo do Senado

A Xunta aposta polas viaxes de fin de semana para potenciar as visitas todo o ano

Rubén Lois avogou por potenciar o turismo de desprazamentos curtos ou a través de liñas de baixo custo.

Redacción - 19:15 04/06/2007
Xesús Pereira e Rubén Lois presentaron novas guías turísticas

Xesús Pereira e Rubén Lois presentaron novas guías turísticas

A Dirección Xeral de Turismo aspira a desestacionalizar as visitas ao país, que actualmente se concentran nos meses do verán. O responsábel do departamento, Rubén Lois, explicou o luns á tarde na comisión de Turismo do Senado as experiencias que ten Galiza neste eido.

A aposta da Xunta baséase en ofrecer escapadas curtas de tres días ou de fin de semana, tanto a cidades como a balnearios, para visitantes de zonas próximas, dentro da mesma Galiza, Asturias, León e o norte de Portugal.

Así mesmo, pretende estabelecer acordos entre o sector público e o privado para evitar o turismo estacional. Como exemplo disto, existen acordos dos departamentos de Turismo de Sanxenxo, a Coruña e o Val Miñor co empresariado hostaleiro para potenciar as visitas nos meses de outono e inverno.

Rubén Lois tamén valorou a importancia das conexións directas das liñas aéreas de baixo custo, que atraen turistas potenciais ás escapadas curtas no país. Ademais, salientou que se están a analizar experiencias doutros lugares, como o turismo “baixo a auga” que se desenvolve en Irlanda.

O Senado está a recabar as experiencias que se están a aplicar en diferentes lugares do Estado para combater a estacionalidade, De todos os xeitos, o noso país está menos afectado pola dependencia dos meses do verán ca outras zonas da Península, como a área mediterránea.

Guías de referencia turística
Por outra banda, a Dirección Xeral de Turismo da Consellaría de Innovación e Industria e Turgalicia presentaron dúas novas guías turísticas de Galiza. Verán de lecer, da que se tiraron 3.000 exemplares, inclúe os acontecementos estivais principais dos 315 concellos do país: festas, romarías, concertos e todo tipo de manifestacións culturais.

Un anexo da guía facilita os enderezos e os números de teléfono das oficinas de Turismo e un mapa coa localización das festas recoñecidas como de interese turístico. A publicación estará dispoñíbel, ademais, na web da consellaría.

A outra obra que se presentou o luns é o Directorio turístico, que inclúe unha relación dos principais servizos do país, divididos en empresas e actividades turísticas, e restauración e profesións relacionadas co Turismo. Coordinada pola Subdirección Xeral de Ordenación do Turismo, a guía ofrécese tanto en papel como en CD.


4,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: