"O PP só ofrece pasado: falan de fillos ilexítimos, de voto obrigado, e teñen a 16 persoas empadroadas na casa...", dixo Touriño en Santiago de Compostela.
"A calidade de vida e o desenvolvemento económico non son termos contrapostos neste concello, senón dúas caras da mesma moeda", destacou o secretario xeral do PSdeG durante a súa intervención este martes en Santiago de Compostela. Emilio Pérez Touriño salientou que os socialistas "facemos das cidades espazos de convivencia, cun urbanismo á medida das persoas, con vivenda digna para todos, con servizos públicos que funcionan, cun tecido empresarial repleto de oportunidades e de emprego".
Touriño desafiou os cidadáns a escolleren entre "cidades para vivir" ou alcaldes do PP que "amontoan edificios". "O tren do PP xa pasou por Galiza", dixo, "aínda que algúns non se queren dar por informados", ironizou lembrando as declaracións de Fraga sobre a posibilidade de estabelecer o voto obrigatorio. A continuación, acusou aos populares de entenderen as cidades "como negocio".
Polo seu lado o candidato socialista á alcaldía, Xosé Sánchez Bugallo, indicou que "aquí non se decide nin o indulto ou non de ninguén nin o Estatuto catalán, senón o futuro de Santiago". Bugallo solicitou apoio para "avanzar no camiño feito" e criticou os rivais que na súa opinión fan política baseada na "descualificación pura e sen ningunha alternativa".