Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Día das Letras 2007

Dinamitando a fala, corenta anos despois

María Mariño Carou deixounos o 18 de maio de 1967. Catro décadas despois, a súa poesía segue de plena actualidade. Neste Día das Letras, Vieiros dedícalle o especial "Linme hoxe toda por dentro".

Redacción - 13:00 18/05/2007

O verso encabeza un dos poemas de Verba que comenza, os poemas escritos xa baixo a enfermidade e a certeza da proximidade da morte que serían publicados postumamente. Estes días son especialmente significativos: o 17 de maio, Día das nosas Letras, dedícaselle a unha muller (a terceira, dende que se celebra esta conmemoración), que ademais viviu á marxe dos circuítos convencionais da literatura. Unha voz por veces silenciada, esquecida ou mitificada, en torno á que se teñen espallado todo tipo de elucubracións. O 18 fanse corenta anos da súa morte no Courel.

Hoxe sabemos que María Mariño Carou de certo escribiu os poemas que se lle atribúen, que tiña unha vontade de estilo, e, sobre todo, a consciencia de romper cos límites da linguaxe, coa convención, coa norma , co canon. Aborda o tempo, a morte, a anguria existencial, mesmo a análise metaliteraria e de si mesma, a introspección na súa creación e no seu eu ("Linme hoxe toda por dentro"). Este 17 de maio, podemos xogar a dinamitar os mitos e afondar na poesía de María Mariño. Velaí algúns recursos:

  • 17 de maio, web da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte dedicada a María Mariño.
  • María Mariño no Álbum de Mulleres de Cultura Galega.Org.
  • Especial da Biblioteca Virtual Galega sobre o Día das Letras.
  • Entrada de María Mariño na Galipedia.
  • Unha fotobiografía no blog Cabrafanada.
Tamén podedes probar a ser creadores e creadoras e experimentar coa linguaxe da imaxe. Lede as bases do concurso Unha imaxe para o galego.

Corenta cabodano

Ademais de celebrarmos o Día das Letras, este 18 de maio fanse 40 anos do seu pasamento en Folgoso do Courel, logo de loitar coa leucemia. Foi enterrada en Seoane, e aínda tiveron que pasar 23 anos para que se publicase Verba que comenza, o poemario que escribiu no seu último ano de vida. Foi en 1990 cando saíu unha edición publicada polo Concello de Noia, grazas ao interese de Uxío Novoneyra e Antón Avilés de Taramancos. É tamén nese ano cando A Trabe de Ouro publica cinco poemas inéditos, e aínda será no 2004 cando saia á luz a súa obra completa, publicada por Xerais. Aínda quedaba unha sorpresa: Helena González prologou a súa obra inédita en castelán Más allá del tiempo, que foi publicada este mesmo ano.

María Mariño Carou naceu o 8 de xuño de 1907 nunha casa da Rúa Cega en Noia, cuarta dos cinco fillos de Xosé Mariño Pais, zapateiro, e Filomena Carou Lado, costureira. Entre os 19 e 29 anos viviu en Escarabote (Boiro), onde accedeu á biblioteca do Pazo das Torres de Goiáns. Despois viaxou á casa da súa irmá maior, Concha, que vivía en Euskadi, e alí viviron o cerco de Bilbao por parte das tropas franquistas. No 37 volve a Escarabote, e dous anos despois casa en Boiro co mestre Roberto Pose Carballido. No 45 van a Euskadi de novo, polo destino laboral do seu home, e, na súa volta a Galiza, teñen un fillo que morre ao pouco de nacer.

Con case corenta anos, marcha a Romeor do Courel, e despois a Parada de Moreda. En 1953 coñece a Uxío Novoneyra, e catro anos despois (xa con cincuenta) inicia a escrita dos poemas cos que compoñerá Palabra no tempo. Edítase no 63 en Celta, con prólogo de Ramón Otero Pedrayo. Remata no 65 a escrita de Más allá del tiempo, libro inédito até este 2007.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: