María Xosé Queizán, directora de Festa da Palabra Silenciada, ten abordado en varias ocasións a figura de María Mariño dende a crítica literaria feminista. Vieiros entrevistouna con motivo deste Día das Letras.
María Xosé Queizán
Vieiros: Como valora o proceso da escolla de María Mariño para este Día das Letras?
María Xosé Queizán: Hai un dato importante: no ano 86, Festa da Palabra Silenciada dedicoulle un monográfico a Francisca Herrera Garrido, e comezou a solicitar que se lle dedicase o Día das Letras. Ao ano seguinte, foi a homenaxeada. Desta vez, a iniciativa tamén partiu dunha asociación de mulleres, e chegou mesmo a discutirse na Academia que fose ela: houbo académicos que non querían que fose ela a homenaxeada, poñendo en cuestión a súa autoría e existencia, pensando en María Mariño como un pseudónimo de Novoneyra.
V.: Dá que pensar sobre a cuestión de xénero na literatura...
M.X.Q.: Isto evidencia unha tendencia que vén do longo da historia: as mulleres foron afastadas dos círculos da literatura, e cando tomaban parte neles, foron silenciadas, ou as súas obras atribuídas aos homes. E non falo só de literatura, senón do ámbito da ciencia: hai ocasións en que foron as mulleres quen fixeron descubrimentos científicos e os seus maridos os que levaron o Nobel. A escolla de María Mariño este ano ten ese valor engadido: non só é unha muller, senón que se está a recoñecer a unha escritora silenciada, a súa persoa, a súa identidade.
V.: Porque non houbo máis mulleres nos Días das Letras ca Rosalía, Herrrera Garrido e María Mariño?
M.X.Q.: Ben, tampouco é doado, teñen que levar dez anos mortas, e as mulleres en Galiza comezaron a escribir tarde, na posguerra. Afortunadamente, estas mulleres aínda viven. O que si se podería facer é rastrear, seguirmos indagando. Coincidín hai pouco co presidente da RAG, e comunicoume a súa intención de que sexan máis mulleres as homenaxeadas.
V.: Como comentaba, a autoría de María Mariño foi posta en cuestión, e a súa figura, por veces, mesmo mitificada. Até que punto está a servir este Día das Letras para coñecermos á verdadeira María Mariño?
M.X.Q.: Xa saíron biografías, estudos, e libros que a reafirman. Xa a Festa da Palabra Silenciada sacara un monográfico no 97, cando aínda se pensaba que non existira. Tamén sacamos outro a finais do 2006. Este ano está servindo para que non só sexa recoñecida, senón autentificada, e se aclaren certas consideracións patriarcais, misóxinas: "como pode unha muller iletrada escribir isto?" O mesmo que formulaba Rosalía de Castro en Las literatas: carta a Eduarda. Apoñíanselle os mesmos cualificativos que a Rosalía, que agora xa está considerada unha extraordinaria escritora.María Mariño é senlleira na nosa literatura, pero como podería ser senlleira en calquera literatura. A súa non é unha escrita intimista nin romántica, vai máis alá: é egoísta, ten un coñecemento lingüístico que lle permite cambiar a lingua sometida á norma. A súa linguaxe non é nada popular, nin fácil. É unha poeta vangardista, fascinante, non hai nada na súa obra que sexa limitación. Non lle importan as repercusións da súa escrita no público: escribe para indagar en si mesma.
V.: Estamos asistindo a un cambio de perspectiva sobre as escritoras galegas e os mitos creados en torno a elas? Xa aconteceu con Rosalía...
M.X.Q.: Teño que falar de novo de Festa da Palabra Silenciada: existe unha crítica feminista que está desmitificando moitas cousas. Dende o Congreso sobre Rosalía, no 85, sacáronse todos os veos en torno a ela. Cadaquén víaa como quería, e fixo dela o que quixo. Rosalía foi convertida nunha muller folclorista, iletrada, "santiña", cando realmente a súa escrita é fundamentalmente social. Ela é quen de escribir cos artificios e a intelectualidade necesaria. Mesmo nos seus poemas intimistas, o seu "eu" lírico é unha voz colectiva: cando migra, cando colle unha fouce e mata, está facendo que falen pola súa voz o pobo galego en xeral e as mulleres moi especialmente: ela, a través dos seus poemas, é viúva, é violada, sofre a saudade... Fixo unha epopea da súa sociedade contemporánea.